Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Ámote Leo A. , Destino Xalundes

destinoxalundesPor Lela (2º Bac.)

A obra da que vou falar nesta reseña literaria é “ Ámote Leo A. , Destino Xalundes ” da escritora Rosa Aneiros, que se corresponde coa primeira parte da triloxía de “ Ámote Leo A.”

Trátase dunha obra cun único narrador en primeira persoa. Quen nos conta a historia é a aventureira Leo, unha moza que tras rematar a carreira de empresariais, non por paixón senón un pouco por tradición familiar, decide marchar de viaxe nada máis e nada menos que seis meses. Pero o máis incrible de todo é que o vai facer soa, despois de que os seus mellores amigos, ou iso cría ela, Inés, Aldara e Martiño se botaran atrás no último momento. Isto foi un duro golpe para Leo, a cal ansiaba esa viaxe máis ca nada no mundo. Ademais, a súa familia atopábase nunha delicada situación, despois de que seu pai e seu irmán sufriran un accidente do cal a rapariga non nos conta detalles, pero que debeu de ser grave xa que rematou co seu irmán en cadeira de rodas e co seu pai lesionado. Aproveitando este feito, súa nai non se deu por vencida en intentar que Leo se botara atrás, pero ela non se rendeu na súa teima, e decide pensar por unha soa vez en si mesma e gastar os cartos que tanto lle custara xuntar traballando e estudando ao mesmo tempo, nunha incrible viaxe arredor do mundo.Tras prometer que ía dar sinais de vida cada certo tempo e que ía falar con eles por Skype, despediuse da súa familia no aeroporto, sen aínda crer que seus amigos non se dignasen a aparecer por alí despois de deixala soa nesa aventura. A pesar das ganas que tiña Leo de realizar esa viaxe, non foi quen de aguantar as bágoas cando o avión deixaba atrás todo o que ela coñecía ata o momento.

En canto ao tempo na obra, este é liñal, sen ningún salto temporal, xa que imos viaxando polos diferentes lugares que Leo visita ao mesmo tempo ca ela. A través da rapaza, visitamos nun primeiro momento Lisboa, da man de Rubén. Unha cidade que Leo non consegue realmente disfrutar porque a morriña é demasiado forte. A pesar disto pasa moi bos momentos co rapaz, aínda que gasta demasiados cartos do seu máis que limitado presuposto. De Lisboa voamos ata Barcelona, onde tras uns primeiros días de inseguridades, Leo atópase coa compañía de Ruth e Cía, un grupo de mozos máis que extravagantes, de diferentes nacionalidades, e que viven do espectáculo mentres viaxan por todo o mundo. A nosa protagonista non dubida en unirse a eles, e ademais de apenas gastar cartos, pasará moi bos momentos. Con eles viaxa ata Granada, e tras uns cantos días na marabillosa cidade, sepárase do grupo para viaxar a Marrakech con Edmundo, o único da compañía que non lle inspiraba moita confianza. Leo, realmente, non quería separarse da compañía, pero estes decidiran facer o Camiño de Santiago e ela non quería voltar á súa casa, e tamén porque sabía que tiña que fuxir de Andrés ou quizais nunca podería continuar coa súa viaxe. En Marrakech atopa unha cidade que lle parece nun primeiro momento incrible, pero tras esta primeira impresión descobre a verdadeira represión que sofre a xente do país. Despois de coñecer o escuro segredo do seu compañeiro de viaxe, decide fuxir de alí e visitar Turquía, e o voo que elixe fai escala en Exipto. Alí comete unha verdadeira tolería para ver as famosas pirámides, tendo en conta que as revolucións que estalaran por todo oriente medio facían que correse un grave perigo.

 

Porén, o máis sorprendente deste libro, e que se atopa en estreita relación co seu título é o feito de que en calquera lugar no que Leo se atopa aparece escrita unha misteriosa mensaxe   “ Ámote Leo A.” Incluso cando non lle di a ninguén onde vai a ir e nos recunchos máis insospeitados aparece esta misteriosa mensaxe. Leo acaba crendo que foi o propio Andrés quen deixou tódalas mensaxes, pero todo nos leva a pensar a que non foi el.

En  definitiva, trátase dun libro a través do cal podes visitar numerosos recunchos do planeta sen moverte da túa casa. As descricións son tan detalladas, que nos fan crer que viaxamos canda Leo, que vemos o que ela ve e podemos entender perfectamente o que ela sente. Quizais se bote en falta un pouco máis acción na historia, pero se che gustan as viaxes e queres coñecer mundo, non dubides en facelo a través deste libro. Ademais, o final intrigante deste, fará que non poidas agardar nin un minuto en comezar co seguinte.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.