Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creador@s
As gaivotas de Malveiras

foto artigo revistaPor  X. Ramón Brea

O pasado mes de marzo levouse a cabo unha iniciativa que durmía un sono profundo dende os tempos da II República. Protagonistas, as illas Malveiras, as irmás pequenas da Cortegada de loureiros e biluricos, da pastora co remo na man que coida das augas mansas do Ulla.

Pois daquela houbera unha iniciativa popular que pretendía erguerlle unha lembranza pétrea ao poeta que arrecendía a salseiros e furnas xiróvagas.

Mais non puido ser; a guerra máis incivil de tódalas guerras non deixou que callase tan fermosa empresa e perdeuse no esquecemento da desmemoria histórica, ata que no seu Rianxo mareiro chegou o intre do reencontro e aquel soño se fixo realidade de pedra e canteiros. Agora o poeta olla a Ría envolto nas sempiternas brétemas do Ullán, a procurar navíos e estrelas nun fondo de velas náufragas na madrugada bañada en luz.

 

E vén todo isto a conto porque as gaivotas que coidan e acompañan ao poeta nos solpores que pintan de roibén as pequenas Malveiras, un bo día desatracaron da costa e puxeron proa ao Xiabre; pero, antes, ao pasaren por enriba do xeométrico edificio do instituto do Carril, algo lles chamou a atención ou xa viñan avisadas, mais o conto é que decidiron pousar no peitoril da soleada fiestra dun 4º da ESO.

Dentro, o mestre fala dos versos dun poeta rianxeiro, morto cando empezaba a vivir. Fálalles de marusías e paquebotes, de vangardas e ollos que vían máis alá dos vellos, dun mozo rebelde que pensaba, falaba e escribía en galego. Resoan na aula os versos do poeta. Le con voz trémula unha rapaza da mesa do fondo. Ata aí todo normal, todo normativo, todo moi curricular e didáctico.

E, de contado, o milagre sinestésico de imaxes, sons e a telepatía do mar, a corporeidade poética que se manifesta a través da fiestra embazada. Lectura de “O cartafol do vento” e comentario da temática dos versos, interpretacións, sensacións… Cando Charo recita que “as gaivotas fan raudos equilibrios polo arame transparente”, a aula énchese co balbordo da sorpresa e os sorrisos do anecdótico, do sorprendente. Na fiestra aparecen tres enormes gaivotas de peteiros amarelos que tentan entrar polo oco entreaberto .

Queren entrar ou escoitar, curiosas, asomarse a aquel universo que o poeta de Asados un día teceu. Elas son as protagonistas dos versos e todos sabemos que están aí por unha chamada atávica de argazos e salseiros, ávidas de singraduras coma o Sinbad de don Álvaro.

E as gaivotas fixeron o milagre, transformaron a poesía en realidade. Evadiuse a vangarda pola corda do horizonte e quedou o significado, o Manifesto disfrazado de plumas e alborada, coma unha madrugada de náufragos.

E aínda que pareza mentira, eu que estaba alí, xúrovos que foi así.

X. Ramón Brea (A Ermida de Bexo, outubro de 2015)




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.