Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Club de lectura Ex Libris
Non hai noite tan longa… que non remate en día

Por Lela (2º Bac.)

NOITE LONGAA obra da que vou falar nesta reseña literaria é “ Non hai noite tan longa” do escritor Agustín Fernández Paz.

Trátase dunha obra cun único narrador en primeira persoa. Quen nos conta a historia é Gabriel, un home que nos seus anos de mozo xurara non voltar á súa vila natal, Monteverde, promesa que mantivera incluso cando morreu seu pai, pero que por mor de non poder vivir co remordemento, decidiu incumprir pola morte de súa nai. Porén, una vez alí, visitando a que fora a súa antiga casa máis a de seus pais, aparéceselle a pantasma de seu pai, que lle di “ Moito tardaches! Levo máis de trinta anos agardándote!” A partir deste momento, Gabriel decide quedar en Monteverde para tratar de resolver a inxustiza que o fixo fuxir da súa vila natal con tan só 17 anos, a que lle acabou arrebatando a vida ao seu pai, para dunha vez por todas recuperar a dignidade dos Mourelo ( alcume da familia considerado negativo nun primeiro momento, por ser roxos, e logo pola acusación ao pai de Gabriel de tentar agredir a una rapaza) e que seu pai poida descansar para sempre en paz.

Podemos observar algúns saltos temporais, o máis destacable é o da introdución, xa que nos adianta o  encontro de Gabriel con seu pai, para deste xeito informarnos dende o primeiro momento de cales van ser os motivos que o levan a actuar do xeito que o fai. Logo ao longo da obra tamén se producen outros saltos temporais como cando Gabriel recorda a súa infancia na vila, así como outros tempos pasados.

A portada da obra, que se trata da fotografía máis famosa de Rosa Parks, que como ben
explica Milena, a sobriña de Gabriel, “ Esta muller, nos anos nos que as persoas negras sufrían segregación racial,  un día saíu moi cansa do traballo, e negouse a cederlle o sitio a un home branco. Levárona ao cárcere e cando lle preguntaron porque o fixera, respondeu << Estaba farta de ceder>>. Foi o principio da loita polos dereitos civís nos Estados Unidos”, fainos pensar que a obra vai abordar os problemas do racismo ou dos dereitos humanos, pero realmente a historia non trata sobre ningún destes temas. Si que hai unha relación, ao igual que o confuso que pode resultar o título ao acabar de ler a obra “ Non hai noite tan longa”.  Son elementos que nun primeiro momento nos parecen sen relación, pero que analizando os feitos observamos que en realidade si que a hai. “Non hai noite tan longa que non rematara en día” como di William Shakespeare, non hai inxustiza, como a mostrada nesa fotografía colgada no cuarto de Milena, que non se acabe pagando e solucionando. A inxustiza que levou á deshonra, á humillación e finalmente á morte do pai de Gabriel, pero que este fará todo o posible para descubrir quen foi  o verdadeiro culpable.

O final desta obra gustoume moito, como teño dito noutras reseñas,  Agustín Fernández Paz ten unha habilidade especial á hora de rematar as obras. A solución á que é a trama principal da historia, váinola dando con contagotas, o que fai que non poidas parar de ler ata que o libro remata. En conclusión, un final emocionante e feliz, que demostra como as feridas que quedan abertas non se curan ata que finalmente se solucionan, e como moitas veces deixalo todo e marchar non é a solución, senón que só empeora a situación de aqueles aos que deixas atrás. É unha obra que fai espertar no lector unas ansias de xustiza, así como sorpresa pola situación que aos personaxes lles tocou vivir.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.