Por X. Ricardo Losada
Para Xerardo Agra Foxo
Encántame esta frase de Nadal: “A repetición dáche automatismos e os automatismos danche o éxito”. Resume perfectamente o concepto de hábito de Aristóteles. O filósofo grego dicía que as virtudes morais non se acadan por natureza, senón por aprendizaxe, é dicir, con práctica e repetición. Só así xeran en nós unha disposición permanente, un hábito bo, que permite realizar con pericia, e de forma case natural (unha segunda natureza, chámalle), calquera tarefa. Pero o máis fermoso da teoría é que esa virtude ética, por non ser innata, é un exercicio de liberdade. Contra o que pensa moito incauto, esa virtude automatizada, lonxe de converternos en máquinas, é a proba máis evidente de que somos libres, pois busca o que a razón ensina que é bo sabendo que a razón non é suficiente para unha vida virtuosa. Se a vontade dunha persoa non é adestrada con disciplina para realizar o correcto, é improbable que o faga, por moito que a razón llo mostre.
A teoría de Aristóteles confírmase tanto en actividades aparentemente mecánicas, como o piragüismo ou o atletismo, como en actividades supostamente máis creativas, como a pintura ou a música. Moita xente ten claro que David Cal e Usain Bolt basearon o éxito na repetición e o aburrimento, pero cren que Picasso ou Mozart se basearon no talento e a diversión. O propio Picasso, seguindo a Edison, desmentiuno. Para trunfar, dixo, é necesario un 90% de transpiración e un 10% de inspiración. Pasou moitas horas en museos copiando as obras dos grandes mestres clásicos e só cando, despois de moito sacrificio, colleu bos hábitos técnicos, puido transformalos. Foi libre para crear novos estilos porque fora escravo dos anteriores.
Esa, e non outra, é a razón de que me irrite o tratamento que lle dan os telexornais ao fútbol. Cada vez que aparecen en pantalla os adestramentos dos grandes equipos (eses ecosistemas hiperprotexidos onde se conforman os bos hábitos deportivos), mostran os grandes ídolos de masas facendo rondos co balón e exercicios leves, entre risas e chanzas, antes de pasar a mostralos saíndo en coche de luxo do estadio. Nunca se ven imaxes de futbolistas facendo series interminables de abdominais ou cambios de ritmo, suando e con cara de sufrimento. Así, non é estraño que os mozos actuais pensen que o éxito é cuestión de talento, e que o talento é algo innato e divertido. Un día intentei explicárllelo a uns alumnos da ESO dicíndolles que os músculos de Cristiano Ronaldo eran froito da transpiración máis que da inspiración. Si, díxome o máis espelido deses alumnos, pero non os necesita para xogar ao fútbol, necesítaos para saír ben nas fotos publicitarias das marcas de calzóns.
X. Ricardo Losada
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]