Por X. Ricardo Losada
Estou canso de oír falar mal dos mozos actuais. Non me parece ben que a excepción algúns descerebrados xuvenís que pululan polas nosas vilas) se converta en norma. Os mesmos argumentos que se utilizan hoxe para denigrar os mozos utilizáronse en todas as épocas. Sempre a mesma cantilena. Inmaturos. Caprichosos. Violentos. Vagos. Viciosos. O mundo non ten futuro con eles.
Deixade que, en honor á verdade, poña un exemplo que demostra que tanto pesimismo cos mozos é incerto. Un caso real que sucedeu con algúns alumnos dun instituto de Boiro no que eu traballaba, e que a calquera con sensibilidade moral lle devolve a confianza no xénero humano. Se os adultos fósemos coma eles, acabábanse os corruptos no mundo. E non pensedes que os protagonistas son rapaces con boas notas e boas maneiras. Son vinte alumnos de 3ºB, a peor clase dese centro. Ducias de partes e expulsados, suspensos masivos, mobiliario roto.
A maioría procedía de familias desestruturadas, como se di agora, e o titor estaba preocupado. Aqueles mozos, de moi bo corazón, sempre viviran co rol de rebeldes sen causa, e non eran quen de abandonalo. Así que decidiu darlles a oportunidade que nunca tiveran, e díxolles que o exame de Historia, a materia que el impartía, que terían a semana seguinte, sería o mesmo que lle poría esa mañá a 3º A, a mellor clase do centro.
O día en cuestión, nada máis rematar o exame, o profesor chegou ansioso á sala de profesores e púxose a corrixir. Quedou abraiado. Todos os exames estaban en branco, incluso os de dúas alumnas que adoitaban levar un aprobado raspado.
Indignado, foi á aula.
Non merecedes nada –berroulles aos alumnos-. Como é posible que…? –E comezou un sermón admonitorio que axiña interrompeu o delegado, tamén indignado.
Os de 3ºA cáennos mal –dixo-. De verdade crías que lle iamos pedir as preguntas do exame?
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]