Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Adeus e grazas

Discurso do acto de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato do curso 14-15

11269286_959267564103975_3252849130061995161_nAlá polo 2009, cando chegamos a este instituto eramos pequenos (uns mais que outros) e estabamos asustados, mais tamén ilusionados, xa que por fin estabamos no colexio dos grandes, onde sempre había anécdotas que contar, onde ías coñecer xente nova e onde, aínda que non o sabiamos, iamos medrar un pouquiño como persoas. Hoxe, despois deste longo camiño, miramos atrás e recordamos os mellores momentos que vivimos aquí: cando descubrimos que o instituto non se trataba só de sentar nunha aula e ler libros, senón tamén de bailar bachata e vals, de cantar “Teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía”, de tocar o “Himno á alegría” na frauta doce ao sinal de 1, 2 “imos a tempo”, de demostrar as nosas dotes artísticas debuxando cos ollos pechados, de excursións a Salou, a París, a Londres, a Madrid, a Porto, experiencias cas cales nos coñecemos mellor entre todos e coas que formamos un grupo moi unido.

Estes bos momentos ímolos botar moito de menos, pero tamén aos profesores que nos acompañaron todos estes anos, e aos que lles temos que agradecer toda a paciencia que tiveron con nós. Con Pepa, descubrimos o mundo da química e dos átomos, con Guillermo, o noso gentleman favorito, a física. Con Alfonso e Pilar adentrámonos no mundo do debuxo e da tecnoloxía. Codesido e Luis Diz fixeron que coñecésemos o noso interior, dende o punto de vista biolóxico. Ricardo tamén nos axudou a coñecernos a nós mesmos a través da filosofía e a formar opinións propias sobre temas actuais, ao igual que Margarita, que nos axudou a ter unha visión máis obxectiva da política actual. Coñecemos os secretos da lingua española con Sonia, da portuguesa con Paco e da galega con Tina e Sofía, con quen ademais aprendemos a perder o medo a falar en público e a tomar conciencia do valiosa que é a nosa lingua. Con Ramón e Marisú descubrimos o mundo das matemáticas, aínda que con Ramón tamén aprendemos a acender o “cacharro” e que un quinto máis un quinto non son dúas cervexas. A todos eles temos que dar grazas por todo o que nos ensinaron, especialmente a Manolo, quen ademais de sacarnos algunhas palabriñas en inglés exerceu como o noso titor este ano, preocupándose e estando sempre pendente de nós. A todos eles debémoslle mostrar hoxe aquí o noso agradecemento, mais tamén a vós, a todas as familias que nos apoiastes durante todos estes anos e que tivestes que aguantar a nosa rebeldía de adolescentes.

Moitas grazas a todos por acompañarnos neste día tan importante, no que aínda nos queda moito por bailar, divertirnos, e facer moitas máis memorias xuntos.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.