Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Ollos de aula opina sobre as Letras

Saíu o número de maio e con el a opinión da CGENDL sobre a celebración das Letras galegas. Deixamos toda a revista para que a vexades, pero reproducimos o texto da contraportada a continuación:

The Walking Dead (versión enxebre)

Xa está ás portas a festividade do dezasete de maio, día de gloria para as letras galegas, ateigado de floridos discursos e sentidas homenaxes, de fondas declaracións de amor cara á nosa cultura e cara ao noso idioma, nun día en que o galeguismo semelle un virus que contaxia a autoridades políticas e académicas de todo signo e condición, mesmo a aqueles que o resto do ano non gastan un peso en promocionaren a nosa literatura.

Asistiremos nas próximas semanas a un espectáculo tan ben elaborado que pode chegar a confundirnos, facéndonos crer que a literatura galega é xusto iso que nos venden desde o poder: unha procesión de mortos viventes procedentes do alén, e que invaden museos e colexios cos seus rostros en branco e negro e a súa mitoloxía adaptada ás circunstancias, pois non convén desvelar as vergoñas dos defuntos.

Mais detrás desa fachada de cartón-pedra, desde a CGENDL preguntámonos se resulta útil para a sociedade do século XXI este modelo de celebración onde prima o culto á morte, en troques da promoción da industria cultural contemporánea de Galicia, tan variada e atractiva como calquera outra do mundo.

Porque a nosa cultura, a que está a facer xente viva, xa está farta de tanto zombi. Quere, en cambio, debate, público, mercado, diálogo, promoción, publicidade…. E, sobre todo, outra actitude menos litúrxica e máis activa, para que a creación artística non remate devorada por un andazo de necrofilia.

Ese que nos fai adorar só a aqueles que levan máis de dez anos debaixo dunha lápida.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.