Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
O galego, chave para os teus negocios no mundo

Esta campaña, posta en marcha pola Federación Galega de Parques Empresariais en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e O.U. a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, promove  a utilización do galego como lingua de negocios tanto dentro como fóra de Galicia.

O galego identifícanos como pobo pero tamén nos conecta cunha comunidade de case 200 millóns de persoas que falan portugués porque permite a intercomprensión sen necesidade de mediación e isto  é moi importante no mundo dos negocios xa que xera un clima de confianza que favorece as relacións comerciais.

As empresas galegas son cada vez máis conscientes da necesidade de internacionalizar a súa actividade e de buscar mercados novos nos que implantar os seus produtos e servizos. Moitas empresas decatáronse de que o galego supón unha vantaxe que serve para situar ás súas empresas de xeito diferente en mercados moi competitivos. Novos lugares xorden para facer negocios na América Latina e en África, e dúas economías emerxentes destes continentes son a brasileira e a  angolana.

A lingua facilita a comunicación do empresariado galego en novos lugares dos cinco continentes : Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Principe, Timor Leste e Macau teñen o portugués como lingua oficial. Mentres en todo o mundo se populariza o ensino de portugués como lingua de proxección internacional, o empresariado galego dispón dun valor que o sitúa en vantaxe. De feito, hai datos económicos e obxectivos que mostran que a utilización do galego é rendible para o empresariado. Esta campaña incide nesa vantaxe fronte a prexuízos que motivaron o seu rexeitamento.

A relación das empresas galegas cos países de lingua portuguesa non é nova, de feito o 20% das exportacións destes últimos anos foron a países lusófonos, só Portugal supuxo algo máis de 17% das exportacións galegas.

No caso de América Latina, Brasil é o principal destino das exportacións galegas. Os países lusófonos son unha saída natural para as empresas galegas, por iso esta campaña fai fincapé en valorizar un coñecemento que o empresariado xa posúe. De feito transmítenlles a idea  que en como coidando e mellorando o seu galego pode desenvolver estratexias que lle permitan achegarse e introducirse en mercados de grande relevancia.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.