O día das Letras Galegas é o día no que Galicia honra as súas Letras e a súa Lingua, homenaxeando cada ano a unha figura significativa das letras galegas, co obxectivo de que isto “teña unha significación, un alcance e un eco non só nos ambientes minoritarios, senón nos ambientes do pobo.”
A historia do Día das Letras Galegas comeza no ano 1963, cando se celebrou o centenario da publicación de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro por ser esta a primeira obra mestra coa que contou a literatura galega contemporánea e a cal lle veu a dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Propúxose precisamente o 17 de maio por ser este o día no que Rosalía lle dedicou o libro a Fernán Caballero. Nos anos posteriores dedicóuselle este día a persoeiros tan importantes na historia da nosa literatura como son Castelao, Cabanillas, Manuel Antonio, Rafael Dieste, Otero Pedrayo, etc.
Este ano, este tan exemplar percorrido polos máis ilustres literatos e defensores da nosa cultura, vese interrompido polo candidato escollido, Filgueira Valverde. Esta escolla provocou unha terrible polémica entre os sectores galeguistas, un dos cales, a Mesa pola Normalización Lingüística, rexeitou publicamente homenaxear ao devandito escritor.
A razón deste mal acollemento é a forte relación que Valverde mantivo co réxime franquista. Así, colaborou como alcalde de Pontevedra, asistente en Burgos aos actos conmemorativos do XXV aniversario da exaltación de Franco á xefatura do Estado, procurador en Cortes, etc. Precisamente en Pontevedra viviu Castelao e Bóveda, os cales foran obrigado ao exilio o primeiro e asasinado o segundo. Neste último acontecemento Filgueira tivo responsabilidade indirecta, xa que respondeu con silencio á petición de que intermediara para salvar a vida do seu antigo amigo nacionalista, Alexandre Bóveda. A pesar do seu labor literario e investigador, este ámbito do seu pasado non pode ser esquecido ou ignorado.
E non o esquecen escritores como Manuel Rivas, historiadores como Bernardo Máiz ou xornalistas como Montse Dopico, quen se posicionaron abertamente contrarios a esta escolla, defendendo aos demais candidatos como máis axeitados(Manuel María, Carvalho Calero, Fernández de la Vega e Xela Arias). Do mesmo xeito, o xornalista Fran Pérez Lorenzo sinala que “Filgueira cadra ben con Franco, con Albor, con Fraga, co Ano Franciscano, co Apóstolo, con Galicia Bilingüe e co boato de todas as institucións ás que pertenceu.” Indo máis alá, Marcos Maceira, presidente da Mesa, considera que homenaxear a alguén que apoiou un réxime que dirixiu feroces ataques contra a lingua e cultura galegas é un insulto a aquelas persoas que durante o franquismo loitaron por dignificar a nosa lingua. Maceira resalta que algúns destes loitadores pagaron esa actividade coa prisión, o exilio, ou incluso coa morte. Polo tanto, resulta contraditorio que unha festividade que foi creada para unificar a todo o pobo galego arredor da súa lingua, a protagonice quen intentou aniquilala.
Por todas estas razóns, razóns máis que de peso, a Mesa fixo un chamamento á sociedade galega e a todas as organizacións en defensa da lingua e cultura galegas a que se organicen para que o Día das Letras Galegas siga sendo unha xornada de reivindicación da lingua, ao mesmo tempo que pediu á Real Academia Galega que rectifique o erro cometido ao elixir a Filgueira Valverde como figura homenaxeada este ano. Faltando menos de dúas semanas para o día en cuestión, e vendo que a Real Academia non vai rectificar a súa posición, só queda por agardar cales son as consecuencias para a propia Academia e a executiva presidida por Alonso Montero, quen lonxe de apoiar unha iniciativa que simbolizase a dignificación do galego, optou polo apoio dun persoeiro que nos recorda os anos máis escuros e difíciles da nosa historia. Mais na nosa man, na de todos os centros educativos e demais organizacións comprometidas coa lingua, está apoiar ou non esta iniciativa, a cal está moi lonxe de facer honra á obra que inicia esta festividade (Cantares Gallegos) e a todas as persoas que con anterioridade foron protagonistas neste día.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]