Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Rianjo NON… Rianxo!

Facémonos eco  da moción popular que  GULIR (Grupo de Usuarios de Linux de Rianxo) quere entregarlle ao grupo de goberno do Concello de Rianxo para que sexa levada ao vindeiro pleno municipal coa intención de que nos mapas asociados ás redes sociais muden dunha vez por toda Rianjo por Rianxo, o único topónimo correcto tal e como di a lexislación desde hai moitos anos.

Convidámosvos a adherirvos á moción, ben entrando no facebook e premendo nun “gústame”  ou ben anotándovos no seguinte formulario:http://goo.gl/forms/qaJ5uatRU1

PRAZO: ata o 17 de abril.

O Texto da moción é o seguinte:

MOCIÓN POPULAR PARA A CORRECCIÓN DO TOPÓNIMO de RIANXO NOS MAPAS DA REDE SOCIAL FACEBOOK

A rede social Facebook, a máis popular en número de usuarios no mundo e utilizada por milleiros de galegos e galegas e por cada vez máis empresas do país, utiliza, no seu servizo de mapas e localización, unha forma non oficial e deturpada do topónimo Rianxo, facendo imposible a quen usa esta rede a utilizar o termo correcto e oficial á hora de localizar as actividades e información xeográfica que comparte coas amizades, seguidores ou clientes.

Este feito contrasta coa política lingüística do propio portal, xa que o galego é unha das linguas que se ofrecen para a presentación da páxina.

Posto que o servizo de mapas e localización de Facebook é provido polo servizo de mapas de Bing, un portal de procura na web da compañía tamén multinacional Microsoft, esta está a incorrer, igualmente, nunha incorrección ortográfica ao utilizar un topónimo deturpado que, ademais, é ilegal, segundo recoñecen varias sentenzas que recollen que o único topónimo válido e legal é o oficial en lingua galega.

Este feito é ademais extensible a toda a toponimia galega, que atopamos ateigada de topónimos deturpados, castelanizados e non oficiais, co agravio comparativo que se produce con respecto aos topónimos de outros lugares do estado con lingua propia, coma Cataluña ou Euskadi, onde os topónimos aparecen nas linguas propias, que é ademais a forma oficial.

Polo tanto, as persoas e institucións que subscribimos esta moción popular por medio do Pleno da Corporación Municipal do Concello de Rianxo,

reclamamos á compañía Microsoft a que corrixa no seu servizo de mapas Bing toda a toponimia galega, e en particular o topónimo Rianxo, á súa forma oficial, aplicando os mesmos criterios que os aplicados para os casos catalán e vasco;

instamos á compañía Facebook a que aposte por un servizo de mapas e localización que non utilice topónimos deturpados e non oficiais, ben solicitando unha corrección aos provedores do seu servizo de localización, ou ben mudando a outro servizo de localización que si utilice os topónimos oficiais e legais.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.