Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Entrevista a Álvaro Ordóñez

Carmela Castro e Sarela Betanzos (2º Bac. A)

alvaro2Álvaro Ordóñez é un rianxeiro de 22 anos, exalumno do IES Félix Muriel que logrou elaborar o primeiro teclado en galego para Android. Este traballo foi recoñecido pola Amtega ao galardoalo cun primeiro premio que Álvaro non esperaba.

Ola Álvaro! Agradecemos inmenso que nos poidas atender respondendo a esta entrevista. Gustaríanos saber unhas cantas cousas sobre as que temos curiosidade

  1. Ti estudaches informática, non si? Onde? Notaches moita diferenza do instituto á universidade?

Aínda estou estudando, estou xa no cuarto curso rematando o Grao en Enxeñaría Informática na Universidade de Santiago de Compostela. Digo xa, porque 4 anos pasan voando! Aínda parece onte que saímos do instituto e comezamos primeiro de carreira.

Sobre se notei moita diferenza entre o instituto e a universidade non sabería que contestar. Eu penso que non notei moita diferenza, todo é saber planificarse e levar as cousas medianamente ao día. Certo é que os malos horarios que ten o noso grao(clases mañá e tarde e con diferentes horarios cada día) complican algo as cousas á hora de facer os traballos para as materias e tamén de ter algo de tempo libre para descansar e facer o teu. Depende moito da carreira que curses, carreiras técnicas ou de ciencias adoitan implicar máis traballo e adicación aínda que non sempre é así.

  1. Cando empezaches a interesarte polo software e as apps?

O interese polo mundo dos computadores veume bastante cedo. Comecei trasteando con 6 anos cando meu pai mercou o primeiro ordenador da casa. Lémbrome que miña irmá chegara toda contenta gritándome: “Papá mercou unha máquina de escribir! Papá mercou unha máquina de escribir!“.

A raíz dese primeiro ordenador, todo foi comezar a remexer: a ensinarme meu pai, clases de ofimática ás que todos fomos de nenos, a primeira páxina web, os primeiros programiñas para a extinta rede de chat IRC…

  1. Como se che ocorreu elaborar un teclado en galego para Android?

A idea partiu de Isaac González, CEO de Cilenis, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela dedicada ao Procesamento da Linguaxe Natural. Esta empresa xunto á cal formaba parte eu nese momento, FAZ Cultura e Desenvolvimento tamén unha spin-off da USC que traballa no sector da innovación ligado á cultura, colaboraron de forma estreita para levar a cabo este proxecto.

Eu son unha pequena peza do proxecto, o encargado do desenvolvemento da aplicación, máis neste proxecto participaron lingüistas, expertos culturais…

  1. Cal foi a vosa motivación para a elaboración desta aplicación?

Deixando de lado aos computadores, actualmente estamos vendo como os dispositivos móbiles están gañando cada vez máis mercado. Nestes dispositivos vemos que as aplicacións que máis éxito teñen son aquelas que teñen unha forte compoñente social, é dicir, que serven para comunicarnos entre nós. Véxase: Whatsapp, Telegram, Twitter…

As linguas teñen que ser quen de adaptarse e ir á par destas novas maneiras de comunicarnos. O Teclado é unha ferramenta que sae ao encontro destas necesidades, ao converterse na ferramenta que permite escribir en galego no móbil con total corrección.

  1. Canto tempo vos levou facelo?

Arredor dun mes. Cilenis é unha empresa que dedica ao Procesamento da Linguaxe Natural e xa contaba con diferentes ferramentas lingüísticas desenvolvidas para crear a base lingüística do teclado: conxugadores verbais, derivadores de lexemas… polo que xa se comezou con moito traballo andando.

O que máis tempo nos levou foi decidir que tecnoloxía Software Libre empregariamos na que basear a nosa aplicación e solucionar pequenos problemas que foron aparecendo segundo probabamos prototipos.

  1. Consideras que está sendo un éxito en descargas ata agora este teclado?

Estamos moi contentos. Agardábamos unha maior acollida, pero case 5.000 descargas individuais non é unha mala cifra.

  1. Pensas en elaborar algunha outra aplicación no futuro que tamén promocione o galego nas novas tecnoloxías?

Toda idea é moi ben acollida. Un sempre está aberto a colaborar no que se poida en calquera proxecto que implique a promoción da nosa lingua.

  1. Que consello lle darías a un estudante que estea interesado en facer aplicacións para móbiles?

Antes recomendaríalles que se introduciran neste mundiño comezando por algunha linguaxe de programación realizando pequenas cousas para o computador. A linguaxe de programación Java non é moi difícil, e xa lles serviría para desenvolver aplicacións para Android. O mellor xeito de aprender é marcarte unha meta e pelexar ata conseguila, iso si, con moita paciencia e gañas.

  1. Cal pensas que é a situación do galego en relación ás novas tecnoloxías?

Difícil pregunta. Se falamos de Software Libre o galego penso que conta con unha total presenza en case todos os proxectos máis ou menos grandes debido a grande implicación que ten a comunidade libre. Neste tipo de software adoitan haber plataformas para que calquera persoa poida participar traducindo a súa propia lingua. Cabe destacar que isto faise de xeito voluntario, ti participas contribuíndo co teu tempo e esforzo. Nestes últimos anos fomos vendo, como incluso Sistemas Operativos enteiros como Ubuntu, o galego estaba nos primeiros postos en porcentaxe de tradución e sendo unha das primeiras linguas en acabarse de traducir unha nova versión.

Se falamos doutro tipo de software, o galego non ten presenza ou hai que loitar por ela. Isto xa fomos vendo nas diferentes iniciativas que xorden instándolle as empresas que inclúan a nosa lingua nos seus servizos informáticos. Véxase a “Plataforma Twitter en Galego”, “Android en Galego” ou a máis recente, a moción popular que naceu en Rianxo para instarlle a Facebook e a Microsoft para que non empreguen toponimia deturpada.

  1. Pensas que é posible traballar no mundo das novas tecnoloxías en galego en Galicia?

A miña pequena experiencia traballando realizando prácticas mentres estudo dinme que si que é posible xa que eu non tiven problema, mais tamén penso que pode ser que tivera simplemente sorte xa que estamos vendo como aparecen casos de discriminación lingüística no ámbito laboral. Moi sonado en Twitter o doutra ex-alumna deste instituto.

11. Voltarías ao IES a darnos unha charla sobre as novas tecnoloxías en galego ou non tes bo recordo como alumno daquelas charlas ás que che facían ir?

Agora mesmo a carreira cómeme moito tempo: Traballo de Fin de Grao, clases e prácticas en empresa polas mañás. O pouco tempo libre que teño quédame en descansar un pouquiño na fin de semana e ir aos ensaios de Airiños e Buxaina e as actuacións (se lle toca ese fin de semana).

Mais acepto o convite para o curso que ven e tentarei preparar algo que chame a interese dos rapaces :)

12. Recibichedes algún tipo de axuda para realizar o proxecto?

Non. Foi un proxecto desenvolto altruistamente e o cal non nos reporta nada economicamente falando pero que si nos enche o peito por dentro ver a tan boa acollida que tivo. O Teclado Galego é unha ferramenta dispoñible para todo o mundo de xeito gratuito e sen ánimo de lucro.

13. Que repercusión cres que terá isto na nosa comunidade?

Repercusión… non agardamos ter repercursión algunha. Simplemente queriamos crear unha ferramente que lle permita a xente a vivir a súa vida en galego dunha maneira máis cómoda.

14. Cres que isto axudará á difusión e normalización do galego?

Un dos obxectivos primordiais do Teclado Galego é ese, difundir e normalizar o uso do galego no entorno ao que está dirixido, nos dispositivos móbiles.

Segundo o Plan de Normalización Lingüística vivimos unha época na que as tecnoloxías da fala, da información e da comunicación van producir saltos cualitativos nas linguas. Estas mudanzas serán tan importantes que as diferenzas entre linguas maioritarias e minoritarias, oficiais e non oficiais, van quedar substituídas pola diferenza entre linguas con tecnoloxía e linguas sen tecnoloxía

O PNL recolle as novas tecnoloxías nos sectores transversais e cos seguintes obxectivo a acadar nelas:

1. Fomentar a presenza do galego nas novas tecnoloxías.

2. Lograr unha oferta ampla e competitiva de produtos e recursos informáticos en galego.

3. Potenciar a presenza da lingua galega en Internet.

  1. Potenciar a investigación da tradución automática, o recoñecemento e a síntese de voz, e outras novas técnicas que faciliten a opción positiva no mercado da información e da comunicación, e que aseguren a libre circulación do galego nos sistemas avanzados da vida moderna.

O Teclado Galego intenta cumprir os obxectivos que expón tan ben o PNL.

15.Poque cres que, despois de tanto tempo de existencia dos smartphones, ainda non existise esta aplicación ata agora?

Non existia unha solución “universal” e gratuíta. Cando publicamos o teclado existía tan só un teclado que incluía o galego na Play Store, o Swiftkey, pero era de pago (hoxe xa é gratuito). Digo ”universal” porque un par de marcas de móbiles desenvolveron teclados propios para os dispositivos fabricados por eles que si empregaban o galego.

Por outra banda, Google aínda non incluiu no seu teclado oficial o galego, aínda que si que apareza na listaxe de linguas. Tecnicamente e na miña opinión o teclado de Google é o mellor para un dispositivo Android. Por iso nos quixemos empregar esa tecnoloxía e mellorala facendo unha solución que incluira o galego.

16. Tes máis proxectos en mente?

Agora mesmo a carreira cómeme moito tempo: Traballo de Fin de Grao, clases e prácticas en empresa polas mañás. O pouco tempo libre que teño quédame en descansar un pouquiño na fin de semana e ir aos ensaios de Airiños e Buxaina e as actuacións (se lle toca ese fin de semana).

Pero intento colaborar en todo o que me propoñen. Un sempre está aberto a axudar no que se poida e máis se implica a promoción da nosa lingua.

17.Que desenvolvemento ten a informática no panorama galego?

Non entendo moi ben esta pregunta.

Se con “desenvolvemento” queres facer referencia á “situación”, contestaría o seguinte:

A situación actual do panorama económico como xa sabemos é bastante mala, pouco traballo e soldos baixos. Mais a situación laboral dos enxeñeiros informáticos non está tan negra en comparación con outras carreiras. Temos a sorte de dicir que hai bastante traballo, iso si, con soldos moi baixos. O último informe sobre situación laboral que ven de publicar o CPEIG (Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia) destacou a alta empregabilidade dos enxeñeiros informáticos, cun 91,77 por cento traballando. Onde a media de atopar o primeiro emprego despois de rematar a titulación é 2’5 meses.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.