Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Visitando terras galegas: parque dunar de Corrubedo

dunas de corrubedoO son das olas que rompen, os risos e carreiras das xoguetonas lontras, os cormoráns,  os sapos de esporas,  o olor a mar…  todo iso pódese experimentar no Parque Natural das Dunas de Corrubedo.  Este espazo natural en terras galegas conta cunha gran duna móbil, praias e dúas lagoas, unha de auga doce chamada a lagoa de Vixán e outra de auga salgada, a lagoa de Carregal.

Quizais algúns se pregunten como se formaron? Ao longo dos anos sedimentos milenarios que o mar trouxo á costa fóronse depositando e desplazando pola acción do vento ata acadar forma de dunas, as cales albergan un complexo ecosistema dende 10 especies de anfibios tales como o sapo de esporas ou a ra verde ata réptiles como a víbora de Seoane ou aves acuáticas.

Nas proximidades do gran areal hai fermosas praias entre as que cómpre destacar a Praia do Vilar, a máis concorrida da costa do Barbanza e outras como a Praia da Lagoa ou a Praia do Prado.  E aqueles que gocen coas fermosas vista e sexan de observar dende as alturas recoméndolles ir ao Mirador da Pedra da Rá e ao Faro de Corrubedo.

É tal a fermosura do lugar que en ocasións tense usado como escenario para gravar películas con ambientación no deserto.

A pregunta é: Os galegos gozamos e valoramos tan grande tesouro? Ata hai pouco, nenos e non tan nenos xogaban e corrían pola area da duna sen reparar en que estaban acabando cunha zona declarada zona de Especial importancia para as aves. Hoxe o espazo está protexido cunha rede de camiños para non invadir a zona dunar e pasarelas que ensinan o lugar de maneira completa. Ademais existen tres rutas do parque coñecidas como o camiño da auga, o camiño do mar e o camiño do vento.

Fascinante, esa é a palabra que mellor define este lugar tan próximo a nós, tan galego, tan noso. A posibilidade de encontrarse coa naturea no seu estado máis puro, unha oportunidade única que moitos non saben aproveitar, como o demostraron os recentes lazos corredíos para o furtivismo. Quizais para certas mentalidades humanas un xabaril sexa máis importante que unha paraxe de importancia natural, máis que unha zona de interese turístico, que unha xoia  do patrimonio galego.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.