Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Tradución en galego como elemento normalizador da lingua

Esta semana pasada, na edición do 5 de marzo, o xornal “Sermos Galiza” publicou unha entrevista feita  a Gonzalo Constenla sobre a tradución en galego . Nela, fálase do importante papel que a tradución ten na normalización da nosa lingua, xa que é unha maneira de comunicación con outras linguas e culturas, ao mesmo tempo que achega aos propios galegofalantes obras da literatura universal, ás que normalmente accedían mediante o castelán. Destácase o labor de Eva Almazán, tradutora que fixo posible que obras tan importantes como Ulises de Joyce, entre outras, fosen accesibles en galego, feito que a fixo merecedora do Premio Nacional de Tradución 2014. Eva, xunto con outros tradutores e tradutoras forman parte dunha xeración que conseguiu que se tomase conciencia da necesidade de que os lectores e lectoras galegos tivesen a oportunidade de ler clásicos da literatura universal, obras contemporáneas ou de calquera outra etapa en galego. Malia a que moitas editoriais defenden e promoven esta iniciativa, a tradución en galego non conta co prestixio e axuda que debería, o que dificulta o labor destes profesionais, aínda máis no caso das mulleres, a quen por riba da “invisibilidade das persoas tradutoras, súmaselle a propia invisibilidade de xénero.”

Como vemos, a tradución é un oficio sacrificado e comprometido coa lingua, que coa súa acción axuda a levar o galego a todos os ámbitos posibles, e que pretende que o referente en Galicia dunha obra estranxeira, como pode ser The Great Gatsby, non sexa unicamente o castelán. Ademais, o feito de que practicamente calquera libro se puidese ler en galego, axudaría a manter máis presente a lingua no día a día dos falantes, e a que estes se habituasen á súa presenza, o que resultaría moi beneficioso e necesario. “Cantas máis persoas reclamen documentación en galego no seu día a día, nos produtos que consuman ou utilicen, máis relevante será a necesidade de que se traduza todo tipo de material ao galego e máis motivará ás empresas a investir en tradución ao galego, porque lles representará volume de negocio.” Mais a Xunta, no lugar de apoiar este sector, móstrase indiferente con respecto ao estado da tradución e interpretación xurada, levando varios anos sen convocar prazas de tradutores profesionais. O cal non só fai que as obras estranxeiras non sexan traducidas ao galego, senón que as propias obras galegas tampouco sexan traducidas a outros idiomas para difundilas.

Isto non sucede con gobernos que promoven a difusión da súa produción literaria, como son países do norte de Europa, Holanda, Finlandia e Rusia, quen apoia a difusión da súa literatura actual a través da tradución.

A tradución, como vemos, pode incidir nos procesos de normalización lingüística, o que é especialmente significativo na interpretación, xa que se desenvolve en ámbitos de alto prestixio social, por exemplo nos congresos europeos, nos que a que a UE prové este servizo en todas as linguas estatais oficiais, malia saber que a maioría dos deputados poderían expresarse unicamente en inglés. A inclusión do galego neste tipo de foros realza o seu prestixio como lingua digna de ser utilizada en calquera ámbito, presentándoa socialmente como unha lingua importante a par de calquera outra. Así mesmo, a interpretación contribúe a facer visible o feito de que Galicia conta con lingua propia, diferente ao español, o que reforza o seu status social.

En conclusión, tanto a tradución como a interpretación desde e ao galego, son armas que se deben utilizar e potenciar para realzar a situación social da nosa lingua como digna de ser empregada nas máis prestixiosas situacións.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.