(por Aldara Muíños)
Logo de ver varios documentais e unha presentación sobre o reino de Galiza chegamos a preguntarnos se existiu de verdade este reino e de ser así, porque non aparece na historia española.
Para min é obvio que o Reino de Galiza existiu porque conservamos numerosos testemuñas históricas da autonomía e importancia do Reino de Galiza na Idade Media e tamén o prestixio da literatura en lingua galega en toda Europa fai ver que existiu de verdade durante a Idade Media.
A primeira proba que conservamos da existencia deste reino é do 411, ano no que se creou o Reino suevo de Galiza (do que formaba parte tamén León) sendo así o primeiro Reino cristián da Península Ibérica. Despois este reino pasaría a formar parte da monarquía visigoda pero non perdería a súa autonomía.
Destas datas conservamos un mapamundi do ano 946 onde se pode observar o nome de Gallaecia nunha das esquinas do mapa e separado o nome de España, indicando así que eran reinos separados e independentes. O mesmo atopamos noutro mapamundi (do Beato do Burgo de Osma) datado no ano 1086, co nome de Gallaecia ocupando todo noroeste da Península. Moitos mapas estranxeiros desta época inclúen o Reino de Galiza, porque fóra non se dubida da súa existencia.
Outra proba que temos da existencia do Reino de Galiza atopámola a comezos do século IX, cando o mesmo se enfronta a Navarra pola conquista dos territorios de Castela, o que verifica que Galiza foi un reino independente de Castela antes de que fose conquistado.
A parte das fontes históricas conservamos textos que poñen de manifesto a importancia do galego na Idade Media, sendo á vez lingua dos reis e lingua do pobo, xa que era unha lingua normalizada en todos os ámbitos que lle corresponden a unha lingua propia. Un exemplo disto pode ser como Afonso VI, rei de Galiza e León chora a morte do seu fillo en galego, a súa lingua. Tamén na literatura encontramos probas do gran prestixio co que contaba o galego, as cantigas trobadorescas de amor, de amigo, de escarnio, escribíanse en galego e era a lingua usada para estas composicións tamén fora do Reino de Galiza.
Máis probas de que existiu este Reino: os restos dos últimos reis galegos están enterrados no Panteón Real da catedral de Santiago de Compostela, por que teríamos un Panteón REAL se nunca existiu o Reino de Galiza? Ademais, ata 1833, Galiza tiña a consideración de reino, e foi nese ano cando María Cristina de Borbón eliminaba o título de Reino, dividía o territorio nas catro provincias que hai hoxe e Galiza pasaba a depender de Castela, despois de ser un reino. E non un reino calquera, se non un dos máis importantes da Península Ibérica durante catorce séculos.
Con tantos argumentos paréceme imposible que se poida pensar que o reino de Galiza non existiu, ou como din moitos que seguramente non investigaron na historia de Galiza, que é unha invención dos nacionalistas galegos. Para min o problema reside en que na historia española este reino foi esquecido porque foi asoballado polo afán de unidade dos reis de Castela. Soterrouse toda a historia do Reino de Galiza baixo unha represión da lingua e cultura galegas, negando a existencia deste reino independente e facendo burla dos seus habitantes na literatura do Século de Ouro castelán que , “curiosamente”, coincide cos Séculos Escuros da literatura galega. Ademais diso, por que nas clases de Historia falamos do reino nazarí de Granada, do Reino de Aragón, de Navarra… pero non mencionamos o Reino de Galiza en ningún momento. Isto a que se debe? Igual se debe a que España necesitou negar a existencia do Reino de Galicia para ser unha nación histórica, centralizada en Castela e para non admitir que non foi nin o único nin o primeiro reino da Península Ibérica.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]