Posto que coincide que o 30 de xaneiro se celebra o aniversario do nacemento de Castelao e mais o Día da Paz, desde o ENDL quixemos conmemoralo por xunto con un tríptico que combina a pomba da paz lingüística que fixemos o curso pasado e mais a postal que Castelao deseñou para pedir a paz e a liberdade para España.
Ademais este venres 30 de xaneiro clausúranse as actividades que, durante todo o mes de xaneiro, se viñeron desenvolvendo sobre Castelao no IES Félix Muriel de Rianxo cunha lectura ininterrompida das obras narrativas do autor rianxeiro.
A devandita lectura vai comezar ás 8:30 da mañá co toque da campá que dá inicio ás aulas e vai rematar co seu peche ás 2:10, vaina protagonizar alumnado, profesorado e persoal non docente do IES. Desde Un ollo de vidro ata Sempre en Galiza, pasando por Retrincos ou Cousas, estarase homenaxeando a Castelao na data que nas biografías consta coma o día que naceu, aínda que –segundo a partida de nacemento- veu ao mundo un día antes do mes de xaneiro de 1886.
Posto que foi en xaneiro tamén (aínda que de 1950) cando morreu o rianxeiro máis ilustre escollemos no IES da vila de Castelao este mes para facer unha exposición sobre a súa vida e obra. Desde unha fotobiografía elaborada polo alumnado do ENDL ata a presentación das láminas dos albums (do que demos conta noutros artigos desta revista), enchen corredores e páxinas web do Equipo de normalización do centro, impulsor da actividade. Esta última semana do mes tamén se estiveron proxectando audiovisuais durante os recreos sobre a súa vida e a súa obra.
Todo o alumnado vai ter oportunidade, durante unha hora, de encherse da obra de Castelao, só escoitando ou lendo e mais escoitando os textos narrativos. Os albums (Nós, Atila en Galicia, Galicia Mártir e Milicianos) están expostos no corredor central igual ca boa parte de Cousas da vida. Toda a comunidade educativa pode pararse a lelos no centro ou visitalos nos artigos correspondentes desta revista.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]