Este vindeiro venres 19 de decembro, no IES Félix Muriel faremos a presentación do libro “Creadores de Rianxo”, elaborado o pasado curso dentro do programa RianxoFala, polos Equipos de Normalización Lingüística do C.E.P. X. M. Brea Segade, C.R.A. de Rianxo e o I.E.S. Félix Muriel e coa colaboración do Concello de Rianxo.
Mais esta non vai ser unha presentación habitual como son a maioría das presentacións dos libros. Non só por ser unha obra coral, senón porque se pensou e se deseñou con formato de obradoiro no que artistas por un lado, e alumnado e profesorado polo outro, poidan interrelacionar para coñeceren este o proceso creativo daqueles.
Ao tratarse dun día laboral, non todos se van poder achegar ao IES o venres de mañá, pero imos contar coa presenza de 12 creadores que se van distribuír en diferentes espazos do centro que, en quendas de media hora, vanlle ir falando a diferentes grupos de alumnos e alumnas sobre o seu proceso creativo, ademais de mostrarlles como escriben, pintan ou tocan. O alumnado vai ter oportunidade de interactuar cos creadores indagando sobre aqueles aspectos que lles parezan máis atractivos.
Teremos o gusto de que nos acompañen: Xesús Costa, Xesús Santos, X. M. Lobato, Ricardo Losada e Joám Evans Pin dentro do grupo dos escritores; Noel Pérez Fungueiriño, Ché Tembra e Xoán Antón Costa como artistas plásticos, Iago Hermo, Rafael Collazo, José Nine e Alfredo Susavila en representación dos músicos.
A maiores, o alumnado de 1º e 2º ESO vai poder coñecer a obra doutro dos autores presentes no libro, Nuco Losada, no propio museo que o autor ten no barrio de Rianxiño, moi preto do IES.
Esta actividade vaise realizar de 10,30 a 12 da mañá. Logo haberá un café conxunto, ao que acudirá a Concelleira de cultura en representación do concello.
[…] Como explican no blog no Equipo de Dinamazación da Lingua Galega do centro, ademais disto, “o alumnado de 1º e 2º ESO” tamén ceñeceu “a obra doutro dos autores presentes no libro, Nuco Losada, no propio museo que o autor ten no barrio de Rianxiño, moi preto do IES”. […]