Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Homenaxe a Ramón de Valenzuela en Rianxo

Por Sarela Betanzos Freire (2º Bac. A)

cartaz homenaxe ramon de valenzuelaOnte asistin en Rianxo a unha homenaxe que se lle realizou a Ramón de Valenzuela. Meu pai dixéranos que na homenaxe ía estar Méndez Ferrín e que non debiamos faltar, ademais suxeriume que era esta unha boa ocasión para facer un artigo para a revista, así é que, aínda que bastante estresada cos exames e os traballos de fin de trimester, fun con miña irmá ao Auditorio de Rianxo ao acto de homenaxe a Ramón de Valenzuela, noso pai xa andaba por alá.

O auditorio estaba moi animado, estábase abrindo unha exposición pictórica de Paola García sobre o corpo feminino. É unha exposición moi fermosa, paga a pena percorrer e disfrutar estes lenzos.

Nunha das salas do andar superior desenvolveuse o acto.  A primeira sorpresa, dóunola noso pai, non estaba Méndez Ferrín, o autor de “Con pólvora e magnolias” ou “O crepúsculo das formigas”, non se atopaba ben de saúde e non podía asistir ao acto. Vaites… outra vez será!

Na mesa estaban Adolfo Muiños, o noso alcalde, Daniel Pino, Luis Cochón e Xosé Lois Axeitos. Todas as intervencións foron moi interesantes, sorprendeume a formación literaria e histórica que ten o noso alcalde, non lla coñecía.

Daniel Pino falou como persoa que coñecera e tratara a Ramón de Valenzuela, tanto en Madrid como aquí na Galiza. Falou moito da relación de Ramón de Valenzuela con Rianxo pola súa amizade con Castelao e Dieste, e entre outras anécdotas relatou unha, non cabe dúbida que moi significativa. Cando era mozo colleuno a guerra civil en Bandeira, no seu pobo, e el que  era xa un militante destacado do galeguismo refuxiouse no monte. Despois duns meses e aconsellado pola familia, alistouse no exército sublevado de Franco. Xa no frente en Extramadura nun día de néboa pasouse ao bando republicano, e o primerio que fixo foi chamar a Castelao e comunicarlle a súa circunstancia e a recente aventura, rematando a conversa cunha frase célebre: “Chameinos a todos e non agardei por ninguén”, unha frase que posteriormente daría título a un dos seus libros de memorias sobre a Guerra Civil “Non agardei por niguén”.

Xosé Lois Axeitos nunha intervención apaixoada pero á vez plena de minuciosa información, destacou o compromiso de Ramón de Valenzuela co teatro como forma de compromiso social e político, como forma de contrarrestar unha educación e un ensino alleo e virado de costas ao país, á súa língua e á súa cultura. Falounos tamén das súas lecturas dramatizadas de “A fiestra baldeira”, de “Os vellos non deben namorarse” e de “O Mariscal”. E por último incluíu a “Pepe dos cestos”, persoaxe contador de contos creado e representado por el mesmo que participaba en cantas excursións culturais se organizaban por Pontevedra.

A intervención de Luis Cochón consistíu na lectura dun emotivo texto no que xogando coas palabras e cos seus significados destacou a lealtade e a fortaleza de ánimo de Ramón de Valenzuela.

Esta charla realizouse co motivo do centenario do nacemento de Ramón de Valenzuela, asimesmo, o semanario “Sermos Galiza”, adicoulle un especial “A fondo”, no mes de novembro deste mesmo ano e o 14 de outubro o Consello Escolar do C.E.I.P. de Bandeira decidiu por unanimidade aceptar a proposta do claustro de profesores para que o seu centro pase a chamarse CEIP Ramón de Valenzuela.

Pero quen é Ramón de Valenzuela?, citemos o breve parágrafo de Matías Rodríguez Torre no semanario “Sermos Galiza”: “Rapazolo das Mocidades Galeguistas, histórico do Partido Galeguista, incansable activista a prol do estatuto do 36, represaliado polo franquismo, polo nazismo da II Guerra mundial, exiliado en Buenos Aires e en Madrid, militante comunista, colaborador do Seminario de Estudios Galegos, mestre en galego, dramaturgo e escritor.”




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.