Imaxe de cabeceira
Sen categoría
Hai futuro para o galego?

Por Óscar Iglesias Resúa 1ºBach B

Na actualidade hai unha gran pregunta no aire referida ao futuro da nosa lingua, o galego.

Dende moitos séculos atrás, o galego sempre (ou a maior parte das veces) estivo ameazado pola xente poderosa do territorio de España: primeiro os Reis Católicos, na Idade Media, atacaron a nosa lingua impedindo o seu uso e asociándoa coa xente pertencente ao rural; tras os Séculos Escuros, o galego comezaba a levantar cabeza no Rexurdimento, máis, cando chegou o franquismo ao noso territorio dende 1936 ata 1975, o noso idioma volveu a verse afectado e ameazado de maneira moi preocupante: Franco impediu que se usase a nosa lingua na escena pública, na ensinanza e nas actividades socio-económicas, fixo que moita xente que defendeu o galego se tivese que exiliar, reduciu o uso do noso idioma ao rural e impúxonos o castelán como lingua obrigatoria, como séculos atrás xa o fixeran os Reis Católicos, entre outros. Máis a nosa lingua, a pesar dos danos que recibiu ao longo dos séculos, non morreu e segue permanecendo como lingua maioritaria en Galicia.

Aínda que a nosa lingua siga sendo a maioritaria no noso país, os sucesos e os ataques contra ela acontecidos durante os séculos pasados danárona e fixeron que moita xente pensase que o galego era un idioma para incultos e xente da aldea. Por iso, o galego é maioritario nas zonas rurais mentres que nas cidades, aínda que si hai xente que o fala, o galego é substituído polo castelán; ademais agora, dende hai unhas décadas, os pais estanlle ensinando aos seus fillos o castelán como lingua inicial (lingua materna) aínda que eles falen o galego, isto ocasionou que: se reducise o uso do noso idioma na mocidade e que predominase na xente de maior idade co que a xente tamén pensa que a nosa lingua pertence á xente de máis idade e eles deben falar o castelán.

Os datos do IGE (www.ige.eu) sobre o galego lanzados no mes de outubro deste ano son alarmantes e amosan o que todos tememos: o galego baixa 13 puntos como lingua usada maiormente en só 10 anos e so un 44% segue adoitando a facer isto. Estes datos tamén nos amosan outra realidade que sospeitábamos: o galego úsase máis no ámbito rural que nas cidades.

Para evitar que isto siga pasando e avanzando, é necesario que se leve a cabo un plan de normalización aínda máis forte do que se está levando agora (que, menos no caso e algún colexios e institucións, é case nulo).  Co plan de normalización inténtase que a xente perda os prexuízos que ten cara a nosa lingua, como a diglosia ou o “bilingüismo social”. Aínda que a situación de crise na que estamos e co goberno que temos actualmente, que non para de recortar en educación, é bastante difícil levar a cabo o plan de normalización xa que fan xusto o contrario, estanlle quitando terreo ao galego como no caso de reducir o número de clases en galego (isto da a imaxe de que a nosa lingua non é valida para todos os ámbitos educativos).

Como conclusión podemos sacar que a nosa lingua sufriu gran cantidade de ataques que a prexudicaron ata os nosos días e moita xente ten prexuízos contra ela por iso. Ademais o uso do galego está diminuíndo na xente nova do noso país. Por iso, é necesario  levar a cabo un plan de normalización da lingua canto antes para evitar que isto siga avanzando, senón será moi difícil que haxa futuro para o galego.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.