Por Laura Longo
No camiño cara á normalización do galego, a rede é un dos ámbitos onde claramente máis se avanzou. A pesar de continuar sendo un idioma non aceptado por parte da poboación, ou simplemente menosprezado, o galego segue adiante.
Aínda que existen sectores máis específicos nos cales o galego practicamente desapareceu, como o xornalismo no que respecta ao formato físico; neste novo medio nace á súa vez unha nova oportunidade para a expansión deste idioma. A nivel autonómico ou nacional xa non se conta con ningún xornal en galego. Foi moi destacado o caso do xornal coñecido como Galicia Hoxe. Este medio, único diario en galego no seu momento, viuse obrigado a abandonar o seu proxecto a causa da crise económica e o radical recorte das axudas institucionais, que converteron en inviable o devandito proxecto. A pesar disto, o diario seguiu vivo na rede, manténdose como Galicia Hoxe en “www.galiciahoxe.com”. Á par, e para paliar este ermo, naceron diarios electrónicos coma Praza Pública ou Sermos Galiza, editados plenamente en galego. Deste xeito resalta a actividade que se rexistra no noso idioma respecto á rede. Pero non só destaca o caso dos diarios, senón que tamén existen multitude de blogs en galego e medios dedicados á tecnoloxía como o coñecido Código Cero.
Deixando a un lado os medios de comunicación, o noso idioma tamén se está a internar nas redes sociais. Permítese a opción de escoller idioma e o galego comeza a ser unha das opcións na gran maioría de plataformas. Un exemplo é a rede social Twitter, onde se ofrece a posibilidade de empezar a “chiar” en lugar de “tuitear”, o que sería a acción de mandar mensaxe de ata 140 caracteres a través da rede social de Twitter. Un paso a destacar é a posibilidade de ter un software completamente no noso idioma como sucede no caso de Ubuntu ou Debian.
Mais estes só son exemplos dun claro proxecto en común. Días atrás naceu o dominio .gal a través dunha iniciativa (Puntogal) que pretende conseguir para a lingua e a cultura galegas un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo. Isto conseguiuse tras sete anos de traballo e coa recollida de sinaturas de cidadáns e entidades. Como afirma a asociación que desenvolve o proxecto, os nomes pioneiros .gal supoñen unha excelente oportunidade para gañar visibilidade na rede e entre a nosa sociedade. Pódese observar o traballo levado a cabo durante sete longos anos na páxina oficial “www.dominio.gal”, que supón alcanzar o cumio despois de anos de loita e á súa vez abrir novas vías de cara a poder achegar o idioma a toda a comunidade.
En definitiva a rede supón unha cantidade inesgotable de oportunidades que poden favorecer á normalización tan buscada do noso idioma.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]