Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Unha Safo moderna

Por Nerea Lorenzo (2º Bac. B)

“Pois en canto te vexo en fronte“

seméllame que nin sequera Ermíona a ti

te iguala, e compararte a loura Helena

non resulta estraño” (SAFO)

 “Eu estaba tranquila ollándote

porque en ti acababa todo” (LUPE GÓMEZ)

 Moitas noites separan a estas dúas mulleres, moitos séculos entre estes dous poemas, anos que pasan e nos fan reflexionar se realmente cambiamos tanto, se somos tan distintos ás persoas da época clásica. Ben, pois claro que somos distintos, evolucionamos, as veces tamén para ben, e seguimos sendo ó mesmo tempo iguais.

Safo foi, para quen non a coñeza, unha muller grega da antigüidade que dedicou a súa vida á poesía. Unha muller que rompeu coas regras establecidas da súa época deixando de ser un corpo sen voz, como eran ata entón todas as mulleres, para pasar a ser unha voz forte nun corpo miúdo.

Non foi ben aceptada, os cambios nunca se aceptan ben, pero a ela deulle igual. Creou unha escola na illa de Lesbos onde moitas mozas seguían os seus pasos e se concienciaban do seu valor como mulleres. Escribían poemas, deixaban de estar atadas para vivir na liberdade lésbica (e por lésbica enténdase habitante de Lesbos e non persoa homosexual).

Pois ben, se por algo temos que coñecer a esta muller é por ser unha das primeiras figuras femininas da literatura e unha das que máis rompeu na súa época.

A ela coñecina certa mañá que semellaba ser igual a outra calquera, nunha clase de grego a que ambas asistiamos. Ela abriume os ollos a unha realidade ata aquel entón descoñecida para min. Unha muller nunha sociedade onde a figura feminina tiña un valor mínimo que se sobrepón a todo para facer o que quería, escribir.

A Lupe Gómez coñecina con posterioridade, e foi case tamén un frechazo como o que sentín no seu intre con Safo, supen que algo había semellante nestas dúas mulleres e con cada creación das dúas autoras nas que me vin somerxida decatábame de que así era.

 Lupe é a Safo moderna de Galiza, unha muller que séculos despois segue os pasos da helena, unha figura que rompe, que non ten pelos na lingua que mediante as súas creacións se sinte libre. Libre igual que Safo en Lesbos.

Dúas figuras sen ataduras á sociedade, ás que non lles importan os “que dirán?” senón que fan oídos xordos e seguen cos seus propósitos sen que ninguén lles faga cambiar de parecer nin lles poñan un pano na gorxa ou lle aten as mans para que non se expresen con liberdade.

Lupe Gómez tampouco se viu ben aceptada xa que non é o “normal” escribir como escribe ela, facer poemas nos que se diga puta no sito de meretriz ou nos que se falen de cousas naturais sen ningún tipo de prexuízo. Safo non usaba a palabra puta, pero na súa época falar do amor como o facía ela era case o mesmo.

Tamén as dúas lle dedicaron parte do seu tempo á súa terra, a eloxiala e a defendela unha ante os deuses e outra ante todos aqueles que miran cos ollos dos prexuízos.

Safo e Lupe, separadas por milleiros de acontecementos e o mesmo tempo tan semellantes, mulleres comprometidas, concienciadas do que valemos, rompentes, sen cadeas que as aten a ningures, fortes, libres.

“ Cando se espalla no peito a ira,

á lingua que ladra en balde hai que poñerlle couto.” (SAFO)

 “Nunca o direi todo.

É grande o abismo” (LUPE GÓMEZ)

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.