Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Pensando e reflexionando con Makinaria

makinariaVelocidade. Medo .Ruído.Moito ruído. Sexo. Música.  Motor. Testosterona. Alcol. Alcol inxectado en vea. Gasolina. Morte.

Son só algunhas das palabras que se me veñen a mente tras a lectura do poemario Makinaria de Carlos Negro. Porén quizais chamarlle poemario sexa dende o meu punto de vista demasiado solemne, e afastado do concepto que o autor pretende transmitir con esta obra. Non é dende logo un libro de poesía ao uso. É un libro capaz de facer pensar e reflexionar. Máis  non sobre o amor, nin sobre a beleza nin sobre a orixe do mundo.

A poesía faise cercana. Convértese en algo próximo. Tan próximo coma un sábado pola noite. Coma un “estou por ti”. Coma un “vai matinando un pouco no futuro”duns pais preocupados por un fillo adolescente que xa non se deixa guiar.

Evidentemente Carlos Negro tampouco fixo un libro aleccionador. Mais si unha obra que invita a reflexión. Unha  reflexión sobre a diversión, sobre a festa, e sobre os hábitos dunha xeración disposta a sacrificar o mañá polo intre presente.

Unha mentalidade na que “o vivir suicida” é o único que ten cabida, e que deriva nunha chamada do 061, ou no ruído das sereas das ambulancias.

No libro expresanse con crudeza todos estos temas,  fuxindo dunha perspectiva falsamente esperanzadora. Só mediante o coñecemento real, se pode chegar a coñecer e quizais incluso cambiar un chisco certas actitude irracionais, pertencentes a unha mocidade que non ten os ollos postos na vellez. Por iso Carlos Negro, na súa dedicatoria, expresa o seu desexo: “Aos mozos e mozas de Dodro, para que cheguen a vellos”

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.