Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Europa, o galego e nós

Alicia Vidal, 2º Bac. B

Dende a Unión Europea móstrase unha preocupación por todas as linguas, especialmente polas que están en perigo por diversos motivos, entre estas linguas atópase o galego.

O que me resulta irónico e me chama a atención, segundo veño de ler no artigo que publicou Miguel Pardo en Praza Pública sobre a cuestión, que a defensa do galego veña máis desde Europa ca desde o propio país. ,xa que ademais do Estatuto de Autonomía e a Carta Europea, chegan denuncias da Axencia de Linguas Minorizadas e de outros moitos organismos na defensa dunha lingua que cada vez comeza a perder máis falantes sobre todo nas xeracións máis novas, e non das persoas queteñen o poder aquí que deberían sentir máis o apego da súa propia lingua e desenvolvela no seu territorio.

No que principalmente inciden é no galego na escola, xa que é fundamental porque os rapaces que comezan con tres anos na escola necesitan poder e saber falar en galego e desenvolverse plenamente na súa lingua, xa que se non comezan dende pequenos é moito máis difícil que se interesen por aprender a lingua máis adiante, unha lingua que a pesar de ser a lingua do seu territorio lle sería descoñecida.

Pero pola contra, o goberno de Galicia cada vez afástase máis de levar iso a práctica, a proba disto é o decreto do plurilingüísmo. Xa que se antes o galego nas escolas e institutos debería ser o 50% e na práctica iso non se mostraba, agora que só lle corresponde un 33%, compartido con un porcentaxe igual para o castelán e outro para unha lingua estranxeira, aínda se verá menos o que acabará por provocar que as xeracións máis novas non se interesen por el.

Isto tamén creará novos prexuízos, xa que se a lingua galega leva loitando ao longo de toda a súa evolución por suprimilos, agora coa redución da lingua na escola é como se se quixera transmitir a súa “non valía” para a cultura e o ensino, como se aprender a dividir en castelán para un rapaz fora máis proveitoso que aprendelo na súa lingua. Co paso do tempo estes rapaces medrarán e no seu pensamento estará instaurado que para as cousas importantes deben empregar o castelán, xa que na escola o que aprenderon estaba explicado en castelán. En cambio, facendo unha boa protección do galego no ensino, poderíase explicar a ciencia ou as matemáticas en galego e sería igual de fácil aprendelo, así móstrase a valía da lingua para calquera función que lle deixen desempeñar e vencería algúns dos prexuízos que a perseguen.

Xunto con isto, continúan situacións de discriminacións lingüísticas, para o que é esencial tomar medidas, xa que se as persoas se ven afectadas por esta razón, poden acabar cedendo e abandonar a súa lingua para poder ser aceptadas noutros ámbitos.

Como conclusión, considero que cada persoa debe de ter o dereito e a liberdade de escoller a súa lingua e desenvolverse ao longo da súa vida con ela, coa que se sente cómoda.

Pero para que as persoas poidamos ter esa liberdade primeiro debemos poder coñecer as linguas e aprendelas para poder tomar a nosa decisión e ter permitido desenvolvernos con ela en todas as súas funcións e ámbitos, por iso non se poden negar nin intentar tapar algunhas, xa que todas as linguas son importantes e cada persoa ten dereito a defender a súa.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.