Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá / Música galega actual
Entrevista a “Som do Galpom”

sommm Despois de gañar numerosos concursos como Nsaio no Camiño, Gz Crea e o Foudation Reggae Festival, irromperon na escena nacional e internacional no ano 2009 co seu primeiro disco “Em Terra de Ninguem“.

Catro anos despois dese lanzamento, e logo dunha campaña de Crowdfunding, Som do Galpom presentaba noa no 2013 “Galinha de Troia. O último traballo da banda mantén a mestura de sons característica do grupo, cunha destacada presenza de rap e funk.

Os irmáns Brais e Gael Bassave, violín e voz do grupo, facilítanme a realización da entrevista que podedes ler a continuación.

 bassave

1- Como xurdiu a idea de formar o grupo?

Pois foi por decembro de 2005 cando Brais (compositor e violinista) xunto con outro compañeiro chamado Juan (percusión) decidiu montar un grupo que fose unha mestura de estilos musicais (funki, reggae,…) dentro dos que encadrar o rap; foi por iso polo que avisaron a Gael (cantante) para que puxera dentro dese proxecto musical as rimas propias do rap.

Estes tres rapaces se xuntaron nun “galpón” e comezaron a darlle forma aos primeiros temas do grupo acuñando o seu estilo como funki-reggae-rap. A idea era facer un grupo de música cun estilo orixinal e fresco.

Foron engadíndose membros e novos instrumentos ata chegar á formación que coñecemos hoxe en día con Brais e Gael que seguen ao fronte do proxecto.

2- De onde saíu o nome ?

O nome foi unha escolla moi complicada, inda que ao final xurdiu un nome que destacaba por riba de todos: Som do Galpom; este nome tiña moita sonoridade e explicaba moi ben o que era o grupo e de onde viña, xa que a banda ensaiaba nun “galpón” na aldea de A Moniña (Biduído, Ames).

3-Que queredes transmitir coa vosa música ?

Coa música sempre se trata de transmitir enerxía; é un grupo que se sinte cómodo tocando en directo. Aí, en contacto ca xente, é onde o grupo mostra a súa enerxía positiva e de loita social.

O máis importante é crer no que se conta, por iso é tan importante transmitir unha mensaxe. As letras sempre falan de algo concreto (amizade, amor, infancia…) e, sobre todo, dos problemas que sufre a sociedade actual. É como quererlle poñer voz a todos e a todas as persoas que loitan contra un sistema inxusto que trata de silencialas.

sommm

4- Vindes de gravar o voso segundo traballo discográfico “Galinha de Troia”; que salientades del ?

Neste segundo disco houbo un proceso moito máis longo de gravación e produción. Tardaron case seis meses dende que entraron no estudo ata que deron por rematado o proceso de gravación.

En “Galinha de Troia”  pódese comprobar unha evolución musical do grupo coa incorporación de novos instrumentos (por exemplo, o teclado) e novos estilos musicais (coma o folk). Existe unha maior progresión dentro dos temas e máis complexidade musical; cabe destacar a influencia de Javier Abreu que foi o produtor do disco.

O disco conserva a esencia do grupo con novos sons e ritmos, que se incorporan dun xeito orgánico a todas as composicións.

galinhaaaaa

5-É doado editar e distribuír un disco en Galicia ?

Semella máis complicado do que logo resulta. Se tes algúns contactos pódelo editar sen discográfica e o único complexo é conseguir os cartos para pagalo.

Co tema da distribución convén dicir que cada vez quedan menos distribuidoras en Galiza, inda que non é un caso illado xa que en España se sofre o mesmo proceso.

A industria discográfica está en crise, polo que cada ano que pasa vai tendo menos sentido editar un disco para a súa distribución física. O futuro se atopa na distribución dixital.

6- Como organizades o traballo de composición das vosas pezas ?

Normalmente o proceso vai en dúas fases: a primeira é a composición musical feita por Brais e nun segundo momento Gael lle incorpora a letra a esas composicións. Ás veces este proceso se realiza á inversa e vai primeiro a letra e logo a música.

7- A vosa música é unha aposta por conxugar a crítica co optimismo. Credes necesaria esta combinación na actualidade?

Esta claro que tal é como está de mal a situación laboral, social e política na actualidade como non tomemos as cousas con optimismo e alegría non imos chegar a ningún lado.

Non podemos caer no pesimismo pero tampouco no conformismo; a xente debe loitar en contra das inxustizas e polos seus dereitos pero intentando desfrutar dos bos momentos que nos brinda a vida.

8-Notades algún tipo de atranco á hora de dar a coñecer o voso traballo ?

A lingua pode ser unha axuda nun primeiro momento para darte a coñecer en Galiza; mais se un grupo quere ter unha maior proxección nacional ou internacional, o feito de que as cancións estean nun idioma minoritario pode chegar a ser un lastre contra o que se debe loitar.

 1268395849som_do_galpom

9- Que opinades da formación musical en Galicia ?

Coma noutros lugares, a formación é bastante boa, o verdadeiro problema é o grado de profesionalización ao que se pode aspirar. Fai falla un maior investimento para que os grupos e os músicos poidan vivir do seu traballo. Non existe unha infraestrutura suficiente na industria musical para que os músicos poidan vivir da música; vivir da música é moi complicado a día de hoxe.

10-Cales son os vosos próximos concertos ? Algunha zona preto de Rianxo ?

As nosas próximas datas son por Compostela, Manzaneda, A Illa de Arousa, Lalín… Pero para saber máis teredes que estar atentos ás redes socias (facebook, twiter…) onde imos colgando todas as nosas actuacións.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.