Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá / Traballos de música galega
Entrevista a María Manuela

IMG_6820 - copiaMaría Manuela (Ferrol, 1945) é, dende que no ano 1974 lanzara o seu primeiro traballo discográfico, unha das grandes referencias da música vocal en Galicia e as súas creacións forman xa parte da nosa historia recente.

Por segundo ano consecutivo María Manuela participa cos seus músicos no concerto solidario “Baixo o mesmo ceo”, celebrado o 29 de marzo no Auditorio municipal de Rianxo.

Recoñece que poucas veces accede a conceder entrevistas, pero non dubida en sentar á miña beira e contestar amablemente ás preguntas que lle fago. Confío en que poida ver reflectidas aquí fielmente as súas palabras.

 

- Como foron os teus inicios ? Por que decidiches entrar no mundo da música ?

 Ós dezasete anos presenteime a un concurso que había en Ferrol chamado “Camino de la Fama”. Aí comecei a cantar ante o público e logo xa seguín adiante.

 - Cal era a situación política, cultural… cando comezaches ? Que resaltarías dos Maria Manuelacambios producidos dende aqueles tempos ata hoxe ?

 Aínda que xa había moita xente loitando, eu nin sequera o sabía, eu era moi noviña e daquela non tiña aínda ningún tipo de ideoloxía definida, e mesmo cantaba unha copla como a Rianxeira. Despois, cando gravei un disco, xa con vinte e tres anos, quixen facelo en galego porque xa me estaba comprometendo co meu idioma e coa situación que estaba habendo no país.

Empecei a cantar en galego co cal comezamos a ter problemas, porque daquela os cantantes eran perseguidos só polo feito de empregar o galego nas súas cancións; ás veces esperábante á saída dos concertos e se podían, levábante á cadea ou mallaban en ti. Cantabamos pola lingua, axudabamos moito nos problemas obreiros, faciamos o que non podían facer os políticos. Loitabamos coa nosa voz e cos poemas de Celso Emilio, Manuel María, mesmo Rosalía… Despois da transición empezamos xa a facer máis poesía coa música, e ata agora, que temos que volver cantar ós poetas loitadores xa que estamos a vivir unha regresión e a perder os dereitos que fomos conquistando

-Que importancia tivo a música popular durante a túa carreira e traballo artístico ?

OLYMPUS DIGITAL CAMERA Eu fago música de autor aínda que teño algunha canción de música popular, máis de tipo lírico :”Un adiós a Mariquiña” “Meus amores” … As cancións que facemos nós son, sobre todo, poemas galegos musicados polo meu fillo, meu home, por min….

A música popular sempre tivo moita importancia en Galicia, e agora está mellor que nunca pois hai uns grandísimos músicos que a cultivan. Cando comezamos nós estaban Milladoiro, Fuxan os Ventos, Luar na Lubre… que facían e seguen facendo música popular. Organizábanse grandes e preciosas romarías nas que participabamos todos os cantantes e grupos e era así como nos coñeciamos.

 -Cal é o proceso de creación das túas pezas musicais e traballos discográficos?

 Lemos a poetas e imos poñendo música a aqueles poemas que nos gustan.

Referido ó proceso de creación das cancións, mesmo podía estar eu guisando na cociña co meu home ó lado e faciamos entre os dous unha. Outras veces, pola noite, mentres durmían os nenos, escribía eu outra….

Algúns, para compoñer péchanse no estudio, mais eu tiña máis cousas que facer : tamén son pintora, tiña nenos pequenos…

Para nós a música nunca foi un medio de gañar fama e diñeiro senón que sempre a plantexamos coma unha forma de saír da rutina, axudar a que lingua non se perdese, coma algo que nos gustaba, e xa dixen como unha forma de axudar a que a lingua non se perdese e así fomos creando os doce discos que temos editados

-Tes xa algún novo proxecto para o futuro ? IMG_6811

Si, estou preparando un disco co meu fillo Xurxo. Comezaremos a gravar en setembro.

Estamos ademais co proxecto Rosalía de Castro, para o que cantamos Mini e Mero, Xiana Lastra e mais eu, e co de Celso Emilio Ferreiro para os que sacamos cadanseu libro-CD

  -Que opinas da situación da música no ensino ?

 Paréceme incrible; estamos perdendo todo… a música, a pintura. Non nos deixan nada. Agora queren que todos os nenos sexan albaneis ou fontaneiros e as nenas a pasar o ferro, a coser e a fregar. Os pobres non van poder ser arquitectos, só a xente con cartos poderá estudar. Hai que buscar a forma de saír desta situación. Non quedar na casa, senón perdémolo para sempre.

- E xa para finalizar, o concerto “Baixo o mesmo ceo” é un acto solidario a favor do pobo saharauí. Por que consideras necesario apoiar esta causa ?

 Pois porque sempre estiven en contra das inxustizas e co Sáhara estanse cometendo moitas. Eu estou encantada e agradecida de que me volveran a chamar para facer a miña pequena aportación




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.