Imaxe de cabeceira
Varia
Preguntas que sempre lle quixen facer ao presidente da RAG pero que nunca puiden (nin poderei…)

Segundo a Galipedia, a Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega e, en especial, da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxica; deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.

O presidente da Real Academia Galega é, actualmente, o profesor Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928.  Licenciouse en Filosofía e Letras na universidade de Madrid e doutorouse na Universidade de Salamanca. Considérase un ensaísta, poeta e conferenciante en galego cunha gran variedade de publicacións. Xesús Alonso Montero é militante do Partido Comunista dende 1962. Este partido defende o centralismo democrático, que ven do marxismo-leninismo.

Non hai moito realicei unha viaxe a Lugo, onde o presidente da RAG impartía unha conferencia para celebrar o Día da Ciencia en Galego . Pensei que podería, en nome do meu instituto, realizarlle unha entrevista para a Revista do Equipo de Normalización. Pero non foi así. Se ben, como galega que son, gustaríame terlle feito unhas preguntas o señor que “defende os intereses da nosa lingua”. No fondo considero que nunca  ía o señor presidente responder ás miñas preguntas, así que lánzoas á rede para que cada quen reflexione sobre elas.

1-    Que significa para vostede ser presidente da RAG?

2-    Que labor desempeña como presidente?

3-    Como cre que beneficia o galego a existencia da RAG?

4-    Que opina ante a nova lei de educación, LOMCE? Como cre que lle vai afectar ó galego?

5-    Que cre que é necesario para a total normalización do galego? Que fai a Academia ao respecto?

6-  Por que a Academia asumiu no seu momento a normativa illacionista e non a reintegracionista?

7-    Diferentes sectores da cultura galega levan anos reivindicando o 17 de maio para Carvalho Calero. Por que un ano máis non se lle adican as letras galegas a Ricardo Carvalho Calero?

8- Nos últimos anos vense reivindicando que as mulleres entren a formar parte da Academia, pero case sempre son propostos homes ou, mesmo sendo propostas mulleres, acaban sendo elixidos homes. Hai machismo na RAG?

9-   Que pasou na Academia cando demitiu X.L. Méndez Ferrín? Por que demitiu?

10-Por que nesas circunstancias aceptou vostede o cargo?

Tendo en conta o recente conflito xurdido pola máis famosa feira gastronómica do Carballiño, gustaríame engadir unha nova pregunta:

-Realmente considera que “pulpo”, tal e como demanda o Concello de O Carballiño, podería ser unha forma aceptada pola Real Academia da Lingua Galega?

Nunca se sabe o que pode pasar, tal vez un día alguén logre facerlle todas estas preguntas, mentres tanto, nós mesmos podemos buscar as respostas.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.