Imaxe de cabeceira
Varia
Helena Villar Janeiro fálanos de Rosalía de Castro

Laura Losada e María  Domínguez, 3º ESO

Hai xa uns días tivemos unha charla da escritora Elena Villar Janeiro sobre Rosalía de Castro con motivo da celebración do aniversario do seu nacemento, o 24 de febreiro de 1837.

A conferenciante contounos retallos interesantes da vida e obra de Rosalía. Deimámosvos aquí o resumo e mais o vídeo da conferencia.

IMG_20140227_123851Rosalía de Castro é filla dunha fidalga arruinada e dun cóengo da colexiata de Iria Flavia. Como ser nai solteira, e ademais  sendo o  pai un clérigo, estaba mal visto, as irmás do pai de Rosalía coidárona os primeiros anos de vida, evitando así que fose vivir a un orfanato. Aos cinco anos de idade súa nai decidiu armarse de valor e admitir que tiña unha filla de solteira e comezou deste xeito a coidala e educala ela, co que Rosalía se mudou a Santiago.

Hai moitas cousas da infancia e adolescencia de Rosalía que non se coñecen, pero que podemos deducir ou entrever polos seus escritos.

Cando vai vivir a Santiago relaciónase con xente culta e recibe a mellor educación, musical, literaria e artística que se lle podía impartir a unha muller da súa época. Súa nai edúcaa dun xeito liberal e unha mostra diso é como lle permite adicarse ao teatro cando, unha vez máis , iso non estaba ben visto para unha muller do seu tempo.

Uns anos máis tarde, Rosalía vai a Madrid, onde coñecerá a Murguía, con quen posteriormente casa, e onde publica o seu primeiro libro La flor .

Rosalía foi toda a vida, dende o seu nacemento ata a súa morte debido a un cancro, unha persoa cunha saúde fráxil, que tivo unha vida con algúns acontecementos tráxicos como a morte dun dos seus fillos por un accidente ao caer dunha mesa, ou o nacemento dunha filla morta.IMG_20140227_130103

Unha faceta menos destacada de Rosalía que nos contou é que, trala súa brillante capacidade como poeta, tamén se escondía unha gran escritora de narrativa que en galego cultivou pouco pero da que deixou un exemplo claro no prólogo de Cantares gallegos, unha obra moi valiosa polo seu interesante valor poético e que demostra que tamén podía facer prosa.

Das obras máis coñecidas destacan como xa dixemos, Cantares gallegos, que sae á luz publicado o 17 de maio como dedicatoria polo trinta aniversario do seu marido, e Follas novas, que está dividido en cinco partes dependendo do contido dos poemas: “Vaguedás”, “Do íntimo”, “Da terra”, “Varia” e “As viuvas dos mortos e as viuvas dos vivos” .

Nos seus poemas Rosalía escribe, ou fala, do que ve e tal como escoitaba, polo que os seus libros tamén teñen un gran valor didáctico, xa que nos describe como era a súa época e móstranos como era a fala do seu tempo.

Na charla tamén puidemos aprender que Rosalía é unha figura importante noutras facetas, xa que por unha banda, defendía as mulleres, que naquela época eran as grandes marxinadas, e por outra banda defendía o galego e a Galicia do resto de autores españois que insultaban e se mofaban da nosa terra e da nosa xente, autores de distintas épocas e tan coñecidos como Góngora  ou Quevedo.

Rosalía é unha autora atemporal que non pasa de moda, e que segue viva, xa que cada ano que pasa son máis as voces, concellos e centros de ensino os que se suman para celebrar o 24 de febreiro, día do seu nacemento, como data para lembrala, ler os seus textos….

Para concluír, cómpre dicir que na nosa opinión foi unha charla moi entretida e na que aprendemos moito sobre Rosalia, do que destacaría que moitos mitos extendidos sobre ela non son certos, como que era unha santiña, unha chorona e mesmo fea ou acomplexada. Isto non é certo. Rosalia, pola contra, era unha muller ambiciosa e perfeccionista, mesmo soberbia e ademais contestataria.

 

 

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.