Imaxe de cabeceira
Sabías que... / Retratos
Un home con moito mundo

avó

Paula Trigo Rei 3º ESO C

Con este artigo quero comezar a contarvos a vida de meu avó. Quero falarvos del porque na súa vida aconteceron moitas experiencias marabillosas e inolvidables que el me foi contando. Eu admíroo moito e espero que a vós tamén vos interese e guste.
Imos ao asunto.

Ricardo Rey Piñeiro, meu avó, naceu o 26 de marzo de 1939; seu pai chamábase Alejandro Rey Piñeiro e súa nai Carmen Piñeiro Bravo.Tiña oito irmáns, o maior chamábase Moncho, despois naceron Andrea, Manolo e Jenucho (que son os xemelgos), logo nace meu avó, Carme, Fita e por último naceu Mari. Todos xuntos vivían en Fincheira.

De pequeno meu avó ía á escola de don Luís, na Rúa de Abaixo; cando volvía á casa tiña que coller o sacho e o fouciño e ían todos para as leiras a traballalas, pero cando seus pais non se daban conta del, meu avó saltaba o muro e escapaba a xogar para a praia de Tanxil, aínda que ao chegar a noite súa nai sempre o esperaba para berrarlle. Un día que os seus pais aínda non chegaran á leira, meu avó e seus irmáns tiñan que comezar xa a recoller a colleita. Cando meu avó quixo meter a man na terra para coller unha pataca, saíulle unha cobra e todos os seus irmáns e mais el empezaron a pedir auxilio e regresaron a correr para a casa.

A casa dos pais de meu avó era a típica casa labrega galega que tiña moitas leiras, animais e tamén tiñan un can ao que lle chamaban Manoli. O alimento desa época era moito menos nutritivo e variado ca o de hoxe en día. Eles só comían caldo, ballotes (bolos), o porco, que por falta de recursos o salgaban na bañeira, pan de millo que facían na casa, porque o trigo naquela época era un luxo, empanadas de xoubas ou de carne, ovos , peixe…
No Nadal, na festa da Guadalupe e na festa do Carme, eran as únicas veces que ían ao médico, porque collían todos empachos de tanto comer. Era unha casa labrega forte onde non se pasaba fame como noutras casas, pois estamos falando dunha época de fame e miseria.
Cando meu avó tiña once anos morreu a súa avoa. El estaba na praza de Arriba esperando a que súa avoa regresase do cascador das redes, entón escoitouse un son forte e uns lamentos e todos foron ao lugar de onde proviñan os berros. Cando chegou meu avó, estaban os veciños sacando a súa avoa mal ferida; o cascador, ao rebentar, queimouna viva e cando a desprazaron á casa, morreu.

Con dezaseis anos recén cumpridos, meu avó,  xunto cos seus irmáns Moncho e os xemelgos Manolo e Jenucho, por orde de seus pais -meus bisavós-  tiveron que ir ás seis da mañá rastear o río de Padrón; pero como non coñecían o camiño perdéronse e atopáronos ás dúas da tarde nas Biriñas.

Nese mesmo verán meu avó estaba a xogar o futbolín cos seus amigos no bar do Pazo, que daquela chamábanlle o de Arturo o Cubano. Meu avó dixo un pecado en alto e déronlle un sopapo e, ao darse a volta, decatouse que era o capellán de Rianxo.
En outubro dese mesmo ano meu avó volvía na bicicleta para a casa da festa de Santa Lucía de Asados e como non virou na última curva, foi contra unha casa.  Rompeu a porta e a bicicleta pero por non pagar a porta escapou a correr.
Cando tiña dezasete anos e medio, pelexaron meu avó e Miguel o Caramuzo contra dous de Taragoña, polas mozas de Asados e Taragoña porque tiñan pan de trigo.
E aquí termina o primeiro capítulo da vida de meu avó.
Continuará….




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.