Imaxe de cabeceira
Sabías que...
O espírito de Roldán habita en Guitiriz

Mamen Teijido

Nunha aldea de Guitiriz (Lugo) chamada Os Vilares hai un lugar presidido por una enorme rocha dividida en tres partes por dúas grandes fendas, e cun anaco caído no chan pero apoiado nesta rocha que fai unha cova e refuxio natural. Esta construción dá nome ao lugar, denominado Pena de Roldán, pena á que segundo conta unha lenda, chegou Roldán nos últimos momentos da súa vida. Pena de Roldán 2

A pesar de que a Historia sitúa a morte de Roldán -conde da Marca de Bretaña e comandante histórico ás ordes de Carlomagno- na batalla de Roncesvales no ano 778, a lenda lucense asegura que Roldán está soterrado preto desta Pena.

“Nun descanso entre batallas, Roldán pasou preto deste lugar e quedou impresionado pola grandeza da Pena, así que decidiu cortala coa súa espada”Durandarte” en tres cachos, e marcarlle unha cruz latina na súa fronte. Non contento con isto, subiu á Pena e o seu cabalo deixou no alto as súas pegadas. Ás veces, á noitiña, pódese escoitar a Roldán berrar a lombos do seu cabalo a través da Pena…”

… Cantas veces escoitei esta historia da boca de meu avó Agustín! E cantos milleiros de veces berraba comigo e con meus irmáns porque nos atopaba subidos á Pena mirando as pegadas do cabalo! Porque aí están as pegadas, a cruz, o acubillo…

A lenda podemos completala coa historia real do meu tataravó que, a finais do século XIX, decidiu levantar a súa casa a carón da Pena de Roldán, de forma que a parte posterior e un dos lados da casa, son a propia Pena, ao igual que o resto de construcións, que tamén se fixeron arrimadas a ela, co que sempre formou parte da nosa vida familiar. A curvatura natural desta enorme rocha é totalmente visible aínda hoxe na cociña. Alí vivían ata hai ano e pouco meus avós, Agustín e Sara.

A casa dos avós e a Pena forman parte da miña historia e da miña infancia, ligada a este lugar coma a ningún outro. Agora é o momento de que o meu fillo suba á Pena de Roldán cos seus curmáns e que alguén lles berre que é perigoso e que esvara, que está moi alta… mentres eles gozan cos ollos coma pratos mirando as pegadas do cabalo de Roldán, e inventan historias sobre batallas, cabaleiros e espadas máxicas.

E, por certo, non me presentei… Son Mamen de Roldán, filla de Ventura de Roldán e neta de Agustín de Roldán, e se preguntades pola nosa casa nos Vilares, calquera vos indica onde atopala e vos pode contar a lenda.Pena de Roldán 1




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.