Alba Comojo Díaz (1º ESO B)
Hai uns días Fran Velo concedeunos unha entrevista na Pousada das Ánimas, en Boiro, para esta revista.
- En que ano se fundou o grupo?
Fran Velo: O grupo empezou no noventa e dous. Precisamente empezamos no ano 2012, porque se cumprían vinte anos da creación do grupo.
-
Como se formou o grupo?
Fran Velo: Tonhito e Tuchiño xa se coñecían dende pequenos, xa que ían xuntos ó colexio de monxas; Tonhito quería facer un grupo con Tucho porque tocaba moi ben a guitarra, e ao final cedeu.Tucho coñecía a Javi e así unhas por outras, montaron o grupo. Nos primeiros meses tiñan outro baixista pero non funcionaba moi ben. Un día, o batería que tiñan nesa época, que era amigo meu, levoume a un ensaio; alí souberon que era baixista e xa directamente me mandaron á casa buscar o ampli, e desde esa xa me quedei con eles.
A maqueta gravámola en Vigo, con tres temas, deuse a casualidade de que o estudo estaba montando unha discográfica e ofrecéronnos gravar o primeiro disco, gravámolo e tivo moito éxito, e dende esa xa seguimos.
-
Por que se puxo ese nome ó grupo: “Heredeiros da Crus”?
Fran Velo: Foi Tonhito, un día soñou que escapaba de alguén, entrou nun convento a esconderse, as monxas sacábanlle a chaqueta e escandalizábanse porque tiña unha tatuaxe que poñía “Heredeiro da Crus”, e xa lle quedou o nome ao grupo.
-
Por que vos disfrazades para tocar?
Fran Velo: Calquera excusa sempre é boa para disfrazarse. Ademais, pensamos que en determinados tipos de música, o espectáculo e coidar a estética é un compoñente moi importante. Iso sérvenos tamén a nós para motivarnos e crernos un pouco o papel de Superestar, porque, por exemplo, vestido de diario sempre é un máis tímido.
-
Fixestes sempre o mesmo tipo de música?
Fran Velo: Máis ou menos si, sempre tivemos claro o rock and roll e xa dende o primeiro disco foi sendo rock. Xa tiñamos influencias de AC/DC, os Who, os Rolling Stones…
-
Como se denomina a música que facedes?
Fran Velo: Eu diría que é música rock.
-
Que instrumentos tocades?
Fran Velo: Heredeiros sempre fomos cinco: un vocalista, dous guitarras, un baixo e batería. Nos últimos tempos, para o directo, fomos incorporando colaboracións, coma un teclado, dous coros e un trío de metal.
-
Fostes “teloneiros” de alguén famoso? Quen?
Fran Velo: Tampouco coincidiu que “teloneásemos” a alguén moi importante, sempre coincidimos en escenarios, en festivais. Do que máis me acordo e o que máis me impresionou foi cando compartimos escenario con Iggy Pop. Foi en Santiago, no ano noventa e sete ou por aí…
-
Quen é o que compón as cancións?
Fran Velo: Eu diría que nun 80- 85% é Tuchiño, o xerme sae da súa cabeza, dáselle no ensaio unha volta e cada un vai incorporando o seu. Hai algún de Javi e algún de Tonhito tamén.
-
En que sitio vos trataron mellor?
Fran Velo: Pfff… é unha pregunta difícil porque a verdade é que nos tratan ben na maioría dos sitios aos que imos, pero diría que onde mellor nos trataron sempre foi en Ribeira, que é como estar na casa.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]