Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Conferencia de Stergios Patakioutas Skimbas

Alumnado de 3º PDC

 julio patachiuta

O día 31 de xaneiro veu ao noso centro Stergios Patakioutas Skimbas, máis coñecido por Julio Patachiuta, un señor que naceu na zona dos Balcáns, que viviu a Segunda Guerra Mundial e que estivo preso nun campo de concentracion. Durante máis de unha hora contounos unha serie de anécdotas da súa infancia e xuventude.

Cando Julio era pequeno, apareceron un día os militares na súa casa e dixéronlles que tiñan que abandonar a vivenda (vivía con seus pais e con dous irmáns), subir a un camión e irse para un campo de concentración. Aquí os nazis separaron os homes das mulleres, alegando que se tiñan que duchar. Julio pensou que os ían gasear, pero ao final resultou ser unha ducha de verdade.

Ás veces desaparecían algunhas persoas do campo e dicíanlle que as levaban para o campo grande. Julio non sabía que era iso ata que un adulto lle dixo que era un cemiterio.

Mentres estiveron no campo pasaron moita fame, incluso a comida que lles daban viña algunha podre, sobre todo o pan e as froitas. Tanta fame pasou que lle pedía a Deus soñar pola noite cun cacho de pan que estivese comestible.

Nunha ocasión, a nai de Julio púxose de acordo cunha veciña para escaparen do campo de concentración e ir buscar unhas pertenzas ás súas respectivas casas. Julio xamais volveu a saber de súa nai e tempo despois sóubose que a casa fora incendiada. E tampouco volveu a saber do seu irmán maior, que un día non regresou no camión que o levaba a traballar fóra do campo, a el e a moitos outros prisioneiros.

Mentres estiveron no campo durmían entre as pallas e había tan pouca hixiene que os piollos comíanos vivos pola noite.

Unha vez rematada a 2ª Guerra Mundial, foi liberado do campo e viaxou un tempo nun tren de mercadorías ata que chegou a Italia. Aquí entrou nunha taberna e atopou unha moza moi fermosa, miráronse un ao outro e xurdiu o amor a primeira vista. Ao principio el non se atrevía a achegarse a ela, pero a moza fixolle un xesto e comezaron a bailar. Por desgraza, el tíñase que marchar, pero aínda hoxe se segue acordando dese primeiro amor.

Por último, chegou a Bos Aires e é aí onde coñece a súa actual muller. Máis tarde tiveron un fillo e decidiron virse a vivir a Vilanova –porque de aquí é a súa muller- e posteriormente a Vilagarcía.

Ao longo da charla de Julio Patachiuta, o seu neto, Kevin, que tamén estaba presente na conferencia, tocou varias pezas no seu violín para ilustrar as palabras do avó.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.