Despois de lermos o libro estivemos a reflexionar sobre o que nel se nos presenta e agora deixámosvos aquí a nosa opinión.
En apenas unhas cantas páxinas Xosé Fernández Ferreiro é capaz contar unha historia que recrea unha época crucial na historia de España e por extensión en Galiza. Pero non o fai de calquera forma senón con realismo verista, crueza e eficacia narrativa.
Chamoume a atención o feito de que o historiador Carlos Fernández definira Agosto do 36 como a mellor novela publicada en galego sobre aqueles sanguentos sucesos, cando hai outras grandes obras que tratan este tema, como é o caso d´O lapis do carpinteiro de Manuel Rivas.
De acordo co historiador, aínda que non me creo en condicións de dicir se é a mellor, si opino que é unha gran obra cun comezo que nos conta a medias tintas un final que é moito máis espectacular do que pensamos nun primeiro momento, un final aberto que permite actuar á imaxinación. A pregunta é, Gregorio suicidouse ou sería o disparo de Luís o que acabou coa vida deste? O final decídeo o lector.
Cunha escrita modélica e moi intelixible, cunha brevidade que amosa con total nitidez aquela fermosa frase que unha vez dixo Baltasar Gracián “o breve se é bo, dúas veces bo” e cunha historia realmente merecente de ser contada, Agosto do 36, é unha pequena xoia.
Na miña opinión, a cantidade de sentimentos que flúen pola obra, a proximidade do amor e o odio no transcurso do libro e a recreación dunha realidade que hoxe parece que está lonxe no tempo -pero que os nosos avós ou bisavós viviron na súa totalidade- fan deste libro un libro de lectura obrigatoria. A miña valoración resúmese en que lle daría un 9.
Miriam Carou (2º Bac B)
Agosto do 36 resultoume unha historia triste e conmovedora, onde se reflicte o medo que tivo que haber en épocas de franquismo (por como o pobo actúa covardemente fronte aos falanxistas, en vez de defender os seus veciños que eran inocentes) así como na propia Guerra Civil; non obstante, isto da covardía é algo que non só ocorre en casos extremos como este, senón que actualmente podémonos atopar frecuentemente con casos similares, posto que aínda segue habendo persoas que, por medo ao que lle poida ocorrer, prefiren manterse á marxe. Outra das cousas que me chamou á atención foi o de comezar a historia polo final, xa que así, baixo o meu punto de vista, sácaselle interese á historia, porque xa sabes o final, e non tes esas esperanzas de que os protagonistas consigan fuxir.
Por outro lado, déixase claro nesta historia o peso que ten o poder, e como aqueles que están no bando do que manda, abusan considerablemente diso, como neste libro se pode ver na figura dos catro falanxistas.
Tamén resulta moi triste que por mor dunha vinganza “ridícula” (segundo ao meu parecer por ser a causa a soberbia, a prepotencia…) alguén sexa capaz de acabar coa vida de persoas que no fondo se sabía que eran inocentes.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]