Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando / O baúl do desprezo
Unha de polbo!

Polbo

Selena Bermúdez Fungueiriño  (2ºBach A) deixounos a súa reflexión a propósito da polémica arredor do polbo-pulpo do Carballiño

A petición do alcalde de Carballiño para incluír a palabra pulpo no dicionario xunto polbo é canto menos polémica. Ampárase en que a maioría dos falantes do seu concello utilizan “pulpo” para tal proposición, pero é importante sinalar que os castelanismos están amplamente estendidos pola xeografía galega debido a séculos de imposición do castelán. Ademais o galego está en pleno proceso de normalización e fai escasos anos comezou a estandarización da nosa lingua, polo que non todos as verbas están plenamente asentadas entre os falantes.

Aínda que os membros da RAG encargados de estudar a proposta rexeitan facer declaracións e posicionarse publicamente sobre o tema, creo que é obvio que xamais se aceptará a palabra, entre outras cousas porque xa temos unha de procedencia galega. Pero, mirándoo por outro lado existen así mesmo palabras do inglés ou doutras linguas que aceptamos totalmente como por exemplo fútbol, entón por que non aceptar pulpo? pensarán moitos. A resposta é ben clara, fútbol e moitos outros vocábulos non foron impostos nunha época na que o galego estaba prohibido e o castelán era a única lingua oficial, pois esas palabras son empregadas actualmente sen que supoñan ningún tipo de ameaza para a continuidade e viabilidade do idioma galego, ou polo menos iso creo, aínda que non son unha experta no tema, obviamente.

Tal e como lemos nunhas declaracións que fixo ao respecto Nel Vidal, que gran parte dos habitantes do concello usen palabras como “pulpo” ou “carretera” non ten que significar a súa inclusión no estándar. Na miña opinión, ao igual que como se transmite na nova, a idea é absurda e son os expertos os que realmente debería opinar sobre estas cuestións.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.