Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas
Pervivencia das cantigas galego-portuguesas na actualidade

As cantigas galego-portuguesas son un dos patrimonios medievais máis ricos da Península Ibérica. Foron producidas durante un período de cerca de 150 anos, que vai xenericamente de finais do século XII a mediados do século XIV.
Na orixe da arte trobadoresca galego-portuguesa está a arte dos trobadores provenzais, movemento artístico nacido no sur de Francia a inicios do século XII, e que rapidamente se estende por Europa. Compondo e cantando xa en occitano, non en latín, os trobadores provenzais, a través da arte da cantiga, van definir os modelos artísticos e culturais das cortes e casas aristocráticas europeas durante os séculos seguintes. Porén, a arte trobadoresca galego-portuguesa asume tamén unhas características propias e que a distingue de forma importante da súa conxénere provenzal, e que permite, entre outros, a creación dun xénero propio, a cantiga de amigo.

martim-codax-cantigas-de-amigo

En total, e recollidas en tres grandes cancioneiros (o Cancioneiro da Ajuda, o Cancioneiro da Biblioteca Nacional e o Cancioneiro da Biblioteca Vaticana), chegaron ata nós cerca de 1680 cantigas profanas ou de corte, pertencentes a tres xéneros maiores (cantiga de amor, cantiga de amigo e cantiga de escarnio e maldicir), e da autoría de cerca de 187 trobadores e xograres. Da mesma época e tamén en lingua galego-portuguesa, son as Cantigas de Santa María, un grande conxunto de 420 cantigas relixiosas atribuídas a Afonso X.

Cantiga ou cantar implica que o texto poético se cantaba. A intención musical provoca que o texto se desvele pouco a pouco, reservando sorpresas, suxerindo asociacións e se cargue tamén de sinais retóricos e tonalidades afectivas, que preparan e condicionan a reacción do ouvinte. A eficacia da actuación trobadoresca dependía tanto da bondade do casamento entre poesía e música, como dunha receptividade educada, socialmente diferenciada e diferenciadora.
A cantiga trobadoresca como un todo dependía, para a súa circulación, sobre todo da memoria e do bo ouvido dos autores ou dos xograres que os servían ou imitaban na composición. É probable que coa chegada de Francia e entronización de D. Afonso III, se tivera introducido a idea de que, na recollida de cantigas exemplares, a música podía ser escrita recorrendo a unha notación que permitira a súa visualización e fácil reprodución. Foi con este espírito que se copiaron as cantigas de Martim Codax no Pergamiño Vindel ou as de Don Dinís no Cancioneiro perdido do que conservamos soamente un fragmento, o Pergamiño Sharrer.
A redescuberta, no século XIX, da tradición lírica galego-portuguesa baseouse en copias italianas do inicio do século XVI (Cancioneiros da Biblioteca Nacional e da Biblioteca Apostólica Vaticana), que non reproducira a música presumiblemente preexistente. Só coa a edición de fotografías do Pergamiño Vindel, en 1915, viuse clara a dimensión da perda. A partir de entón non deixou de aumentar a revalorización da nosa herdanza literaria máis antiga. Este interese levou a varios compositores a propor novas versións musicais de textos Galego-Portugueses medievais como unha forma de divulgación do patrimonio.

Ademais, o desenvolvemento da musicoloxía e o nacemento de movementos de interpretación de música medieval con instrumentos antigos fixeron xurdir propostas de reconstrución musical de cantigas profanas a partir da reutilización de melodías medievais de outra procedencia ou gravacións tentando recrear un ambiente sonoro trobadoresco, a partir das melodías orixinais, ou de recreacións “ao estilo medieval”.
Este rico panorama aparece reflectido na páxina web “Cantigas Medievais Galego Portuguesas“, que oferta na súa base de dados a totalidade das cantigas medievais presentes nos cancioneiros galego-portugueses, as imaxes dos manuscritos conservados e a música das cantigas, ben as orixinais do medievo, ben as versións ou composición contemporáneas que toman como punto de partida os textos das cantigas medievais.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.