Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Entrevista a Artur Trillo, director de Talía Teatro

PAULA FARIÑA, DIANA FRANCO e MARTA LORENZO (1ºBAC-A)

O pasado sábado 26 de outubro entrevistamos a un dos máis grandes actores e directores do mundo cultural galego, Artur Trillo, que está á fronte da compañía  Talía Teatro.
Nesta entrevista puidemos obter información de gran importancia sobre os distintos puntos de vista de Artur, así como descubrir moitas cousas novas da súa historia persoal e profesional. Entre elas está a súa opinión absolutamente contraria á subida dun 21% do IVE para os espectáculos culturais, posto que para el amosa a verdadeira cara do goberno cara a cultura galega.

Artur Trillo opina sobre a situación actual do teatro galego.
Así mesmo, como o teatro é un dos sectores discriminados polo goberno e ao que máis lle afecta esta suba do IVE, opina que, a pesar de todo, o teatro galego é dos máis normalizados; aínda que non sexa na súa totalidade si o é en gran parte, xa que a maioría do teatro que se fai en Galiza é sempre en galego. Por outra parte, comprende que a xente cada vez vaia menos ao teatro xa que nestes tempos de crise é unha actividade da que se pode prescindir. Do mesmo xeito tamén nos deixou claro que xamais se propuxo facer teatro noutro idioma que non fose o galego, xa que este é o seu entorno e, ao igual que nunca se plantexou ser físico cuántico ou astronauta, tampouco se propuxo o teatro en español. Revelounos que leva a realidade social de xeito cómico ao teatro para que a xente capte as emocións e sensacións que deben recoller da obra e que, así mesmo, os incitase a pensar un pouco , a reflexionar; é dicir, que todos aprendamos ao mesmo tempo que nos divertimos.
Partindo de que o teatro está en crise, xa que dende hai moito tempo hai moita variedade de alternativas de ocio, cre que ha chegar un día en que as persoas valoren a alguén que está diante del intentando transmitirlle sensacións, emocións, etc. , pero mentres isto non ocorra terán que seguir loitando.

Talía Teatro, compañía dirixida por Artur Trillo
Tamén tivemos oportunidade de coñecer algo máis sobre a compañía que el mesmo dirixe, Talía Teatro, esta orixinouse cando Artur estaba na facultade e facía algunha obra como afeccionado cun grupo de amigos. No ano 1988 representaron unha ou dúas funcións e ao ano seguinte a cousa xa foi máis alá . Pouco a pouco foron medrando, ata que no ano 1996 decidiron constituírse como un grupo de afeccionados, que foi evolucionando ata crearen a compañía profesional onde agora está. Explicounos algúns dos contidos dalgunhas das súas obras coma a que representou ese día, O Método Grönholm, que sitúa sobre o escenario a catro persoas que compiten de xeito cómico por un posto de traballo, pero que en realidade só unha estaba aí para de verdade obter o posto.
Asegura que el, de verse nesa situación, pasaríao moi mal.

Traxectoria profesional de Artur Trillo
En canto á súa traxectoria profesional, falounos de varios dos seus traballos, dos que cabe destacar unha serie tan importante como “Matalobos” e un programa tan representativo da cultura galega como o “Luar”, dos que opina que son totalmente diferentes, xa que, no primeiro rodaban facendo pausas, pero que no segundo tiñan que facer todo de cara a un público e podendo improvisar como cada quen quixese., mais asegura que dos dous obtivo uha boa aprendizaxe.
Adentrándonos un pouco máis na súa persoa, preguntámoslle polos seus principais guías para desenvolver a súa vocación profesional, ao cal el nos respondeu que ese guía foi un dos seus mestres do colexio. Tamén nos confesou que, se tivese que escoller entre cinema, Tv e teatro, cobrando absolutamente o mesmo, sen dúbida elixiría ao teatro, porque opina que o teatro lle permite transmitirlle directamente os sentimentos ao público e achegarse a el.
Por último, quixemos averiguar como lle afecta o teatro á súa vida privada, como repercute no ámbito familiar, ao cal nos respondeu que non lle afectaba negativamente, agás cando chegaba máis tarde da conta á casa por ter que desmontar e recoller o escenario.
Para saber máis, podes ver outra entrevista a Artur Trillo, aquí!




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.