Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Cando a igualdade é unha pose política e non un compromiso social

O Partido no goberno estase comportando como un partido restritivo. Isto non só se observa nos recortes de orzamento  na educación e na sanidade senón tamén en certas actitudes e comportamentos de importantes dirixentes. Isto acadou o seu punto álxido coa presentación en sociedade da nova lei do aborto, unha das máis restritivas do mundo occidental e que en Europa nin sequera recibiu o apoio da dirixenta de extrema dereita Marie Le Pen.  Esta lei do aborto é un claro reflexo da ideoloxía oculta que os que nos gobernan teñen sobre a igualdade entre homes e mulleres­­. As mulleres deben ser asesoradas para poderen decidir, non son maiores de idade, non son donas de si.

Pero non só na grande política se observa isto, nos concellos tamén se observan esas actitudes e comportamentos. Un exemplo claro disto é o do Concello de Ferrol e a súa concelleira de igualdade. Quen concedeu, hai uns meses, unha entrevista ao xornal  La Voz de Galicia  onde insistentemente equiparaba o feminismo e o machismo, pensando sen dúbida que estaba a falar de termos antónimos. Queda claro que a concelleira non sabe nin o que é o machismo, nin o feminismo.

O machismo está na base da violencia de xénero, é o motivo de que preto do 90% da pobreza mundial sexa feminina e da  desigualdade de oportunidades das mulleres no ámbito laboral. O feminismo visto dende o punto de vista sociolóxico e ideolóxico pretende unha igualdade de dereitos das mulleres con respecto aos homes.

En segundo lugar, outro  elemento definitorio da política da concelleira ferrolá é  eliminar a caracterización  de xénero  para falar da violencia machista. Isto queda moi claro no xeito que ten esta concellería de celebrar o día 25 de novembro, convertendo a maior parte dos actos nunha repulsa da violencia, sen máis. En realidade, é unha estratexia perigosa que vai máis alá dunha  loita terminolóxica. Eliminar a  especificación  da violencia de xénero busca esconder e restar importancia a esta lacra social e conduce de novo á impunidade dos agresores e á indefensión das vítimas.

Na Conferencia de Beijing, en 1995, quedou moi claro que é necesario recoñecer que a violencia machista ten que ser tratada de forma independente, sendo un tipo de violencia específico que é exercido contra as mulleres por seren mulleres.

No seu primeiro ano á fronte da concellería, os actos do 25 de novembro centráronse no ámbito escolar.  En ningún momento o termo igualdade, muller, xénero ou discriminación foron  nomeados.

Este ano, para conmemorar o Día contra a violencia de xénero esta concellería decidiu dar un “toque doce” e repartir galletas, nunha bolsiña rematada cun lazo rosa. A lenda que acompañaba o agasallo rezaba “Se doce, non sexas violent@”. A concelleira conseguiu facer do agasallo do 25-N unha concentración de estereotipos.

Parece que  cousificar as mulleres e xerar estereotipos é algo máis que habitual. O seu modelo de feminidade correspóndese claramente cunha muller doce, sensible, cariñosa, asoballada.. En definitiva, unha muller é e debe ser o sexo débil. Para previr a violencia machista é moi importante romper cos roles e estereotipos de xénero que aprendemos culturalmente, pois así eliminaríanse as desigualdades e produciríase un repartimento máis equitativo de poder entre ambos sexos.

Como dixo  unha vez  Emma Goldam: “O elemento máis violento na sociedade é a ignorancia” e parece ser que entre os que nos gobernan a ignorancia está a orde do día, ou interésalles que estea á orde do día na sociedade gobernada.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.