Imaxe de cabeceira
Música ...de aquí e de acolá / Música galega actual
Barahúnda e as cantigas galego-portuguesas. Entrevista

Barahúnda é o proxecto musical integrado por Helena de Alfonso e José Lara Gruñeiro.
Este grupo, que se caracteriza pola capacidade de evocar sensacións coa música, desenvolve un estilo folk con raíces históricas e é quen de imprimir un carácter moi persoal nas súas composicións.
As súas interpretacións están recollidas nos discos “Al sol de la hierba” (Galileo MC 2001) e “Una hora en la ventana” (Musikarte, 2006). Na actualidade traballan no seu terceiro disco.
Barahúnda é unha das propostas que a páxina web Cantigas Medievais Galego Portuguesas recolle na recompilación de intérpretes de cantigas.2

Helena de Alfonso e José Lara facilítanme, amablemente, a realización dunha pequena entrevista que vos paso  no seguinte artigo.

-Sodes moitos os artistas que hoxe en día estades a traballar coas cantigas galego-portuguesas?

Si, a pesar de que non é un xénero suficientemente coñecido polo público en xeral, pódese dicir que hai un número importante de artistas interesados nas cantigas galego-portuguesas.
Por unha banda músicos que se acercan a elas dunha forma “académica”, que traballan coas poucas partituras orixinais que se conservaron e que compoñen novas melodías nun exercicio de aproximación ou “reconstrución” das que puideron ser melodías orixinais, e por outra banda, músicos que acceden ás cantigas a partir do noso compromiso coa música popular e que apostan por un exercicio de creación compositiva dos poemas medievais

-E cal destas dúas aproximacións é a de Barahúnda?

A nós interesáronnos, de sempre, as músicas tradicionais e mergullando cada vez máis atrás no tempo descubrimos as cantigas galego-portuguesas. Poderíase dicir que descubrimos as cantigas grazas ó noso interese pola “ arqueoloxía musical”
Dar vida a un poema que está gardado nun libro e poñerlle música sempre é unha tentación, e no caso das cantigas sentimos ademais a sensación de que as estamos a despertar

-Resúltavos difícil compoñer música para as cantigas ?

Non no noso caso porque somos moi libres e non nos cinguimos a ningún canon estético medievalista. Nos eliximos as que queremos musicar, e temos a sorte de contar con preto de 1600 cantigas conservadas.
Ás veces sucede que na lectura dalgún destes poemas xa comezas a sentir como xorde a música.

-Que labor de investigación facedes coas cantigas?

Labor de tradución para poder comprendelas e así poder sentilas ó interpretalas.
Estudámolas por puro pracer, dende unha perspectiva de músicos e non de historiadores ou filólogos.

-Que temática vos gusta máis? Cal é o voso trobador preferido?

As que, en xeral, atopamos máis atractivas para musicar son as Cantigas de amigo, textos escrito en voz dunha muller, que coa nosas propostas van ser expresados tamén musicalmente por unha muller.
Como trobadores poderíamos nomear a Don Dinís, Roi Fernández de Santiago, ou Joao Airas

-Incluídes no voso repertorio outras músicas da antigüidade?

Si, traballamos tamén coa música sefardí e a arábica-andaluza. En contraposición ás cantigas, de orixe nobre, a música sefardí estaba moi presente nas clases populares e chegou ata os nosos días por tradición oral polo que xa non temos que facer con elas labores de composición, só pequenas arranxos para adecualas á nosa interpretación

-Tedes musicada algunha cantiga de Paio Gómez Chariño?

Non, por agora non xurdiu ningunha , pero pode ser un reto para o futuro

-Por que credes que ó público da actualidades lle segue interesando este tipo de música. Cal credes que é o futuro das Cantigas galego-portuguesas?

É un legado tan grande que pensamos que seguirá habendo sempre xente interesada por elas. Hoxe en día aínda hai público que descoñece a súa existencia, quizais si coñecen as cantigas de Santa María, pero non as cantigas profanas. Cando as descobren é doado que amosen interese por elas. Por outra banda, a pesar da grande cantidade de anos que nos separan da época medieval seguimos sendo moi semellantes: as relacións humanas, as penas de amor, as emocións en xeral seguen sendo as mesmas.

-Tedes algunha anécdota relacionada coa vosa relación coas cantigas que queirades compartir con nós?

A primeira vez que visitamos Galicia, coincidimos cunha edición da Feira do Libro de Santiago e demos por feito que alí poderíamos mercar libros de lírica galaico-portuguesa. Foi sorprendente para nós descubrir que non había ningunha edición e que incluso algúns responsables das casetas eran descoñecedores deste importante legado. Hai 15 anos tiñamos que descubrir as cantigas en determinadas bibliotecas, afortunadamente hoxe en día están a disposición de todo o mundo en internet

Captur4




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.