Imaxe de cabeceira
O IES rebole / Rianxiño viaxa
Americana por 10 meses

   Sarela Betanzos, alumna do noso IES e redactora desta revista, obtivo unha bolsa da Fundación Barrié para ir cursar este curso 1º de Bacharelato aos Estados Unidos. Acaba de enviarnos a crónica dos seus primeiros meses alá. Non a perdades!

 

Sarela-1

Se algo me apaixonou sempre, e co que soñei desde pequena é viaxar, recorrer o mundo descubrindo a verdadeira realidade de cada país, máis alá do que nos contan nas novas.

E aquí estou, en Sheridan, cumprindo parte do meu soño. Despois de cinco meses como americana, podo dicir que non todo o que nos ensinan nas películas é real, pero aínda así, parécese.

Sarela-3

Sheridan, con arredor de dez mil habitantes, é un pobo do estado de Arkansas, no condado de Grant. O primeiro que me chamou a atención dos pobos americanos é o lonxe que está todo. Se queres ir ao supermercado, vas en coche. Se queres ir ao instituto, vas en coche. Se queres ir a McDonalds, vas en coche. Se queres ir á casa de alguén, vas en coche.

Pero isto aquí só supón un problema para os menores de dezaseis anos, que non conducen (legalmente), para os que non teñen cartos para un coche, e para os estudiantes de intercambio, aos que a regra das catro D’s ( NO driving, drugs, drinking, dating) nos recorda que seguimos sendo estranxeiros.Sarela-15

A pesar de ter unha poboación tan pequena, Sheridan conta con sete edificios educativos diferentes. Dous Elementary School (5 e 6 anos) dous  Intermediate School (7 a 9 anos), Middle School (10 a 13 anos), Freshman Academy (14 anos ), e High School (15 a 18 anos). Sheridan High School, con só tres cursos ten máis de 800 estudiantes e 300 aulas, xa que cada profesor ten a súa propia aula. Ademais, conta con cafeteria, auditorio, ximnasio, campo de futbol americano e biblioteca. Pero se algo me gusta deste instituto, é a cantidade de clubs e agrupacións que hai: banda, animadoras, grupo de baile, football, basketball, volleyball, softball, golf, baseball, soccer (do que por certo, formo parte), tennis, track, cross country, debate, wrestling… polo que é practicamente imposible que alguén non participe en algo, ademais de que son asignaturas que che axudan a conseguir unha beca para a universidade.

Sarela-11

En resumo, o instituto si que segue bastante ben as peliculas con todos os clubs, as taquillas, a comida da cafeteria… aínda que hai algo que é un pouco diferente na realidade, e que ten que ver coa forma de vestir: “dress code.” Unha serie de regras prohiben vestir pantalóns curtos, camisetas de tirantes, pantalóns con buratos, leggins e calquera camiseta ou prenda de roupa onde se faga calquera tipo de alusión a sexo, drogas, alcohol, etc… Sarela-7

Algunhas destas prohibicións teñen relación coa gran influencia da relixión nesta rexión e co feito da crenza de que as mulleres deben axudar aos homes a que non teñan “malos” pensamentos cara a elas vestíndose apropiadamente.

Xa para rematar co tema do instituto, cada día antes de empezar a clase, temos que poñernos de pé, mirando cara a bandeira de USA (hai polo menos unha en cada clase), e coa man dereita no lado esquerdo do peito recitamos o “Xuramento á bandeira”:

“I pledge allegiance to the flag
of the United States of America
and to the Republic for which it stands,
one nation under God, indivisible,
with Liberty and Justice for all.”

 

A comida é tamén un tema interesante. Estando no interior, o peixe non é un plato moi común en Sheridan, pola contra, o polo, o porco e a tenreira están presentes na mesa practicamente a diario, en todas as comidas, incluso no almorzo. E aínda que á miña “host mum” lle gusta cociñar, todas as semanas, dúas ou tres veces, comemos nalgún restaurante de comida rápida, McDonalds, Sonic, KFC, Burguer King… ou nalgún restaurante mexicano, os cales tamén abundan.Sarela-9

Pero ademais de estudiar e comer, os americanos tamén se divirten, e aquí en Sheridan a maior parte da poboación invirte o seu tempo libre nunha actividade que require paciencia, silencio, boa vista e armas: “hunting”. As presas máis comúns son cervo, pato, pavo e esquios. En temporada de caza é común que a xente vista prendas de camuflaxe e que se ausenten dos seus traballos ou estudios para cazar. Ademais da caza, o traballo da madeira é outra das actividades económicas máis importantes en Sheridan.

E aínda que o son de disparos na temporada de caza (vivo rodeada de monte e cervos) me pareceron normais ao cabo dunha semana, aínda non me afixen ao feito de que en practicamente todas as casas se garde, a parte das armas de caza, unha pistola de defensa propia, polo menos.

E despois de cansados días de caza, e para quencer o corpo, fanse “bonfires”, un grupo de xente reunida ao redor do lume mentras se contan historias e se fan “hot dogs” e “marshmallows”.

E xa para rematar este pequeno artigo, quero relatar algo que me sorprendeu bastante deste pobo americano.

O racismo foi unha das principais causas da Guerra Civil americana, na que o país foi dividido por diferentes opinións e ideas sobre este tema en norte e sur. Despois de que o norte gañara o conflito e abolira a escravitude no sur, a sociedade americana comezou un longo camiño de igualdade e normalidade no trato entre as razas branca e negra, chegando ata a actualidade, onde todos compartimos os mesmos dereitos e deberes, as mesmas oportunidades, etc. Pero, hai realmente igualdade en Sheridan? Tanto no pobo como no mesmo instituto hai un importante número de persoas negras, e aínda que son minoría, gozan do mesmo trato e privilexios que o resto de brancos, teñen amigos, practican deportes, cazan… e aínda que as parellas collidas da man e abrazándose (máximo contacto permitido) no instituto, están presentes en todos os recunchos, hai un patrón que non cambia: chica branca-chico branco, chica negra-chico negro. Casualidade? Non tiven que investigar moito, os mesmos rapaces do instituto me deron unha resposta, unha sorprendente resposta. Un rapaz branco non sae cunha rapaza negra. Unha rapaza branca non sae cun rapaz negro. “I was raised that way”, “I won’t let my kids do it”, “They just don’t mix”, “I am sure it is written something in the bible about it”.

Estes cinco meses permitíronme coñecer unha pequena parte da verdadeira América, da vida no sur, coa súa diferente pero xenial familia, co seu americano instituto, cos seus americanos (mozambicanos, alemáns e ecuatorianos) amigos, e co seu “country, redneck” inglés. Aínda que estou máis que preparada para volver á “aburrida e monótona” rutina no meu queridísimo Rianxo, vou disfrutar destes cinco meses que me quedan de americana legal todo o que poida. E entre McDonalds, igrexa, fútbol e demais pasatempos, farei un pouco de tempo para contarvos as miñas aventuras polas américas.

 

Kisses from Sheridan to my dear rianxeiros.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.