Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Club de lectura Ex Libris
Agosto do 36

Fátima Somoza (2º Bac.)

Agosto do 36 é unha obra narrativa escrita por Xosé Fernández Ferreiro e publicada en 1991. Recibiu o Premio Xerais neste mesmo ano.

Neste libro, ambientado no verán de 1936, cóntasenos as situacións que levaron, na parroquia de Abades, a que unha parella de mestres finalmente acabasen en mans de catro falanxistas, partidarios do réxime. Antes de atoparse nesa situación, Gregorio e Sara coñecéranse dende pequenos e ambos formáranse como mestres, oficio que anos máis tarde exercerían en San Ramón de Fontiñas. Tamén aquí casaran.  Sara era unha muller das máis

pretendidas da zona pola súa forma de ser; unicamente mantivo unha relación de parella con Gregorio, feito que Manuel (fillo de Garabís) negaba, xa que sempre sostivo que Sara e el foran mozos, e dicía que fora Gregorio quen lle roubara a moza. As familias de Gregorio e Manuel, Xirandón e Garabís respectivamente, sempre estiveran enfrontadas. Así mesmo, tanto as diferenzas entre familias, a teima de Manuel contra Gregorio por estar casado con Sara e as diferentes posturas políticas e ideolóxicas que ambos presentaban, avivaron o lume cando estalou a guerra. Foi nese momento cando Manuel, partidario da falanxe, atopou unha clara razón xustificada para atacar a Gregorio, de pensamento comunista, tal como deu a entender na taberna de Lázaro. Os falanxistas percorrían as aldeas e “dábanlle o paseo” a todo aquel que se opuxese á forma de goberno que eles representaban e levaban a cabo. Foi por iso que Gregorio, temendo que un dos seguintes fose el, agochárase na serra. Os falanxistas acudiron en numerosas ocasións á casa da parella para “chamalo a declarar” polo seu comportamento, mais ninguén pensaba que despois diso volvese a estar en liberdade e por iso Sara facía pasar o tempo argumentando que o seu marido se atopaba de viaxe. Chegado o momento no cal ela xa non se sentía segura baixo ese teito, voltou a vivir á casa de seus pais, ata que un día os falanxistas a colleron e levárona con eles ata a serra, a unha carballeira facilmente visible para atraer ao lugar a Gregorio e capturalo. Ela fora atada a un carballo e durante cinco días alí permaneceron, Sara prisioneira e os falanxistas vixiándoa. Durante os dous últimos, Gregorio manifestou a súa presenza imitando o son dunha ave, son que tanto Sara como Manuel recoñeceron. Finalmente, cansos de agardar a que Gregorio se entregase, Luis, Xan, Leonardo e Manuel dispararon contra Sara e deixárona atada á árbore na que resistía o sufrimento dende que a levaran á serra, na árbore onde loitaba por non desfalecer. De camiño a Abades, os catro atoparon o corpo de Gregorio nun cruceiro e cun disparo que posiblemnte recibira de Xan a noite anterior. En canto os veciños da aldea albiscaron os catro falanxistas a abandonar a serra, deron en pensar o peor do fin para a parella. Os falanxistas demostraron a súa crueldade á hora de deixar á intemperie os cadáveres de Sara e Gregorio, tal e como foron atopados, segundo se relata xa ao principìo do libro.

Ao longo da obra atopámonos cun narrador testemuña en terceira persoa, pois relata o sucedido na historia dende o seu punto de vista e mesmo cedendo ocasionalmente a voz aos personaxes e sen interferir no desenvolvemento da historia, tal e como podemos observar nos seguintes fragmentos :

“Do grupo- eran cinco- soamente coñeciamos a Manuel e mais a Luís, o fillo do boticario de San Estevo. Os outros tres non sabiamos quen eran”.

“O mestre, por outra parte, coñecía como a palma da man aquela serra que, como cazador, tantas veces tiña percorrido dunha estrema á outra. Por iso era tan difícil dar con el, aínda  por moito que o buscasen, e malia o cerco que lle tiñan posto os falanxista. El ben sabía buscalos e pórse a salvo en situacións comprometidas.”

“- ¿Onde está o teu marido, Sara?-preguntáballe o Garabís á mestra, sabéndose enganado, unha e outra vez, por Gregorio.”

Ao longo  da obra, podemos  observar como o enfrontamento entre as familias Garabís e Xirandón influíu en Manuel á hora de procurar  a Gregorio, de ideoloxía republicana, para  “darlle o paseo“, así como o feito de que finalmente Sara casase con Gregorio  no canto de con Manuel.  Entre os personaxes principais podemos incluír a Gregorio e a Sara como protagonistas, ambos  exercían ata entón como mestres de San Ramón de Fontiñas; por outra banda, como posible antagonista poderíamos atopar a Manuel (Garabís de Santos, xa que formaba parte dos falanxistas que levaron a Sara ata a Serra e quen en certo modo emprendeu a persecución contra Gregorio como unha forma de vinganza  por “arrebatarlle” a Sara nun pasado. Como personaxes secundarios no desenvolvemento da trama, cabe destacar aos demais falanxistas que formaron parte da retención de Sara; estes eran Luis -fillo do boticario de San Estevo-, Leonardo e Xan. Logo, por outra banda, tamén poderiamos mencionar a Lázaro, propietario da taberna da zona e o cal lles proporcionaba a comida  aos falanxistas durante o período que permaneceran na carballeira.

A narración está ambientada no mes de agosto de 1936, tras o comezo do estalido da guerra. Preséntase ao lector a partir dun salto atrás no tempo, rememorando o sucedido e os sucesos que levaron aos mestres a fin tal cruel. O principal  desenvolvemento da acción, o tempo que Sara estivo prisioneira polos falanxistas, durou  cinco días. Mais, anteriormente  a ese feito, o narrador tamén nos conta  os conflitos entre ambas as familias e as visitas e interrupcións que os falanxistas facían tanto na casa de Sara e Manuel  como ao longo de toda a zona.

En canto aos diferentes ambientes nos que se desenvolve a historia, podemos diferenciar entre espazos internos  e externos. Entre  os espazos internos podemos distinguir a casa da aldea abandonada na serra preto da carballeira onde se refuxiaban os falanxistas e anteriormente Gregorio, a vivenda da parella protagonista antes da persecución do mestre, a casa da nai da mestra e a taberna de Lázaro frecuentada polos veciños ata que Sara fora levada polos falanxistas. Os espazos externos máis destacables na historia son a Serra de Corveira, onde se refuxiaba Gregorio; a parroquia de Abades, onde vivían o mestre e a mestra e a  carballeira onde Sara fora atada ao longo do día para que Gregorio se entregase aos falanxistas e onde finalmente remataron coa vida de Sara.

Ao longo de toda a obra  pode apreciarse facilmente unha temática que engloba a forma de vivir do día a día  durante o réxime franquista,  a influencia do poder nos comportamentos das persoas, o temor que gran parte da poboación sentía fronte os falanxistas e as fortes formas de represión contra o poder. Reflicte o nivel de opresión e persecución  que o réxime exerceu contra  persoas cunha ideoloxía que non se mostrou afín ao falanxismo, tal e como moitos recoñecidos personaxes e antepasados galegos puideron experimentar. Persoalmente chamoume a atención como o autor introduce  certa intriga que non se ve afectada polo fatídico fin dos protagonistas ao comezo da obra.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.