Hoxe, por fin, a porta está aberta e sinto grande alivio.
Se soubesen o que vai suceder, de seguro terían coidado, mais, é normal, ignórano.
Teo está no seu cuarto. Levo suficiente tempo asexando como para saber como pasa o día ese rapaz.
Ó entrar na casa sorpréndome do evidente gusto decorativo, mais a miña atención céntrase axiña nunha silueta humana: Begoña, nai de Teo, mira ó exterior a través da ventá. Parece agardar a algúen.
É a min a quen espera? Preséntome dándolle dous bicos na meixela, mais ela só sente unha fría brisa.
Entra na casa Ismael, pai de Teo. Entón os dous adultos comezan a falar. Parecen animados e pregúntome se o estarían de igual forma sabendo que eu me atopo aí, ó seu carón.
Agora comezo a explorar a casa. Segue tal e como a recordaba. O cuarto dos pais, a cociña, … gárdoo todo na memoria. A porta está entreaberta e observo a Teo no escritorio, de costas, indefenso.
O certo é que todo o que vexo alimenta a miña vaidade. Non podo evitar sentir desprezo ante esta atmosfera familiar de clase media que me envolve. Que fago eu aquí? Agora xa non o teño tan claro, mais ríome en silencio ante a idea de ter nas miñas mans o desenlace desta historia
No piso inferior a nai prepara a cea e o televisor está aceso. Un gato miaña desesperado pedindo a súa porción de alimento.
Estouno mirando a través da porta. No cuarto, Teo segue no escritorio, cun libro na man. Mentres, eu adéntrome sixilosamente na habitación. Chega a hora do desenlace.
Todos os que me acompañáchedes ata aquí poderedes compartir tamén o seu final e a responsabilidade dos feitos que han suceder. As posibilidades son infinitas.
Podería relatar unha última escea terrorífica e describir como se pechan lentamente os grandes ollos e se debuxa unha horrible expresión de sorpresa e de dor no rostro dun neno asasinado ós doce anos. Ou quizais podería converter este no día máis feliz da vida de Teo, ou desvelar a miña identidade e a miña relación con esta casa e esta familia.
Entón fíxome no libro que o rapaz le. Hai moitos máis amontoados na mesa.
Decido dar por finalizado o meu labor . Ó fin e ó cabo, un desenlace sempre descarta posibilidades e Teo agora ten o futuro nas mans. Terá que ser el quen decida como continúa este relato.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]