Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Creación literaria
25 de novembro: poemas para a conmemoración

Deixámosvos uns poemas dunha obra que ten como fío condutor o maltrato e violencia contra as mulleres. Unha poeta moi próxima a nós cedeunos parte dun poemario seu aínda inédito titulado Dos días escuros, cuxos poemas se organizan en varias partes.   Escollemos dous da primeira parte, un da segunda e rematamos cos primeiros versos dun texto longo e moi emotivo que pecha a obra.

I

Ás veces na morte allea emerxe a propia morte

coma unha mofa macabra

e sinto o gume afiado do seu bafo

en cada volta que a chave dá na pechadura

-nada me paraliza máis ca ese son perverso.

A cada paso que se achega prepárome

para a estocada mortal,

sen implorar,

sen mendigar,

sen resistir…

Pero pasa, caprichosa,

e perdóame a vida -ou quítama-

outra vez.

———————————

II

O primeiro golpe é o que máis doe,

o que sinala e debilita,

o que marca o epicentro

e orixina as fendas.

As réplicas calcinan despois a raíz do alicerce

e derruban

os espazos deshabitados,

baleirados xa de toda vida.

————————————-

III

Non coñecedes a miña dor

e xulgades aínda o meu silencio.

O meu silencio,

que non é máis ca parálise axial

que provoca o medo

invadindo o líquido esencial,

atoando a gorxa.

——————-

IV

Despois falarán de min,

serei o derradeiro número da funesta lista,

a crónica dun suceso lamentable

precedida das noticias económicas

 –tamén lamentables-

á hora do xantar.

Alguén fará un comentario a teor da traxedia,

alguén que me coñece pouco

ou nada:

“Unha tremenda desgraza,

estamos todos consternados.

Quen podía imaxinar…”

Non había denuncias.

Un minuto de silencio:

(                                                                                                                                 

                                                 )




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.