Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Operación lingüística

O mes pasado visitou o noso centro a ex-alumna Patricia Neira Tajes. Rianxeira e galegofalante, decidiu ir estudar a carreira de fisioterapia a Madrid posto que en Galiza as prazas eran moi limitadas e o acceso, polo tanto, complicado. Chegou a Madrid e sen a menor dificultade botou a falar castelán. Nunca o idioma foi unha problema para ela, nin nos estudos nin na vida social. Todo o contrario. Saber galego facilitoulle en grande medida o estudo da carreira pois deuse a casualidade de que a maioría dos libros de fisioterapia dos que dispuña a Universidade estaban en lingua portuguesa. A semellanza do noso idioma co portugués permitiulle a fácil comprensión dos textos, aventaxándoa fronte aos seus compañeiros monolingües en castelán.

Esta anécdota bota abaixo o prexuízo de que o galego só pecha portas e dificulta a aprendizaxe, uso e comprensión do castelán. Parece que o feito de falar galego só supón un atraso se vives en Galiza, se es un estranxeiro na propia terra… Non comprendo a aqueles que rexeitan a grafía portuguesa por considerala foránea e acariñan a lingua castelá como se fora da casa…

Continuando coa historia de Patricia. Despois de rematar a carreira atopou traballo nunha residencia de anciáns, tamén en Madrid. Alí atopouse cun caso dunha muller galega con alzeimer. A súa memoria estaba xa en branco mais a enfermidade non lle afectara á fala, non por completo. Malia que a muller levaba moitos anos vivindo en Madrid, onde sempre falara perfectamente castelán, agora só comprendía e respondía se lle falaban galego. Será que o idioma nai, o que mamamos, supón a base da nosa identidade, máis aló dos recordos, máis aló dos gustos, alén do propio nome…

Máis que formar parte da nosa identidade, forma parte de nós, do noso corpo, como un órgano ou un apéndice, como unha función vital. Ao igual que latexa o corazón, penso en galego. Involuntario. Necesario. Se me cortan unha perna san e me poñen unha prótesis, cumprirá a función, mais non a sentirei miña… Artificial… Cal é a necesidade? Para facervos unha idea iso é o que sinto cando nas loxas, no cinema ou na rúa me responden en castelán. Un desmembramento…

As linguas están vivas e son xenerosas. Sempre existiron as transfusións de sangue lingüísticas, idiomas que doan termos a outros se estes carecen dalgún. Mais as linguas non enferman, nunca apodrecen, non precisan de transplantes, de substitucións. Así, cando empregamos castelanismos estamos a someter o galego a cirurxía… A ciruxía estética!!

IRENE BLANCO (1ºBACH-C)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.