Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura / Eu xa o lin
Ambulancia de Suso de Toro

A Petete, todo lle sae mal. Despois de saír do cárcere, e antes de voltar ao seu fogar, decide cometer un delito, que lle permitirá chegar á casa con cartos no peto. Mais o atraco á gasolineira que planeara e efectuara xunto co seu compañeiro O Pequeno, complicarase tras a morte do empregado do establecemento.

Petete, que sae ferido nun pé da situación fuxirá co seu compañeiro, primeiro a Urxencias, mais logo ambos se verán abocados a permanecer en Santiago pois unha serie de atentados terroristas produciranse esa mesma noite na cidade.

Petete, cunha tendencia nerviosa e obsesiva, quizais motivada pola súa adición ás drogas, tras a separación fortuíta do seu compañeiro, ao pensar que este fora alcanzado pola policía, acode a Casal, un coñecido para o que traballara en ocasións anteriores.

Este finxe axudalo e permitirlle descansar nun dos seus pisos, ( no que reside Anita), mais chama ao inspector Maquieira, un policía cínico e corrupto, para que o prenda.

Pero Petete, desconfía da situación e acaba saíndo do piso. Na rúa atópase co seu amigo O Pequeno, quen non resultara detido, e que finalmente terá un altercado con Maquieira.

 Anita matou a Casal. Cravoulle un coitelo cando este a fixera rabexar con non darlle a droga. Decidiu chamar a Maquieira, a quen xa lle fixera favores no pasado, para que a axudara a solventar a situación. Este esíxelle servidume e ela acepta. Calquera cousa con tal de non ter que pasar pola cadea. Arrastran o corpo ata o garaxe onde traballaba o defunto. Mais alí hai alguén mais, que os apunta cunha arma. Maquieira non o dubida, e mata tamén a Manolo, un traballador de Casal. A situación tornase entón complicada, e as probabilidades de que se vexa inculpado parecen aumentar. Por iso decide levar a cabo un último asasinato. E o corpo de Anita remata tamén no chan, inmóbil xunto aos outros dous.

 Petete saíu do cárcere por segunda vez, e agora traballa na barra americana do seu curmán Andrés. Maquieira aparece por alí unha tarde, bébedo, esixindo que lle sirvan un whisky. Incapaz de controlarse, Petete asesta un golpe que rematará coa vida do inspector. Tras este suceso, tentarán esconder o corpo máis a mala sorte fará que sexan vistos por un veciño.

 Estas tres historias de delincuencia e violencia son as que mestura Suso de Toro en Ambulancia, e nas que o autor trata de homenaxear á novela negra americana.

 Historias que semellan complicarse e enredarse, e nas que os personaxes nunca rematan de encadrarse, pois a trama acaba por descubrir as personalidades sorprendentes de cada un deles.

 A linguaxe empregada, propia do mundo dos baixos fondos, achega a historia ao lector que en ocasións é incapaz de decidir cales son os seus sentimentos con respecto ós protagonistas da obra.

 A lectura resulta xa que logo, moi amena, tanto polo curto número de páxinas do libro, coma pola súa técnica, na que existe un grande predominio do diálogo.

 O inesperado dalgúns xiros da trama fainos decatar de que, a vida pode cambiar bruscamente, e nunca podemos saber que nos pode deparar o instante seguinte. Non se espera, e de repente, estase nunha ambulancia.

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.