Imaxe de cabeceira
O IES rebole
Pelos na lingua

Miradas. Murmurios. Silencio. Fóra luces. Comeza a obra. E con ela, as primeiras gargalladas, algunhas, afogadas, reprimidas, outras, ben sonoras. Mexar á risa. Partirse as cachas. Escarallarse… Saín seria do teatro. Aínda cos ollos brillantes polas bágoas precedidas de fortes risotadas, mais seria. Aínda co rebunbio dous aplausos e os asubíos nas tempas, mais seria. Aínda cun sorriso na cara, mais seria. Porque un tema tan serio só se pode afrontar co humor. Tamén co laio, con tristeza, con amargura, mais iso semella quedar vencellado unicamente á poesía. A lírica, tan sentimental, tan afastada da realidade. O teatro, a vida mesma. Chistes, restranca, sarcasmo… Por que? Non somos capaces, non queremos, non nos gusta afrontar a situación da nosa lingua. Demasiada rabia, carraxe, cólera, furor, ira… Impotencia. Mellor mexar á risa, partirse as cachas, escarallarse. Lingua minorizada, lingua non normalizada? Lingua asoballada! Maltratada! Humillada! Tiramos de eufemismos, maquillaxe por riba das mazaduras da fala nai! Sentímonos bruscos se acusamos ao castelán, a España, aos políticos. Se acusamos aos señoritos de "La Coru", de "Sanjenjo", de "Rianjo". E nós mexamos coa risa, partímonos as cachas, escarallámonos…


IRENE BLANCO (1ºBACH-C)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.