Imaxe de cabeceira
Actualidade nos medios
Dimisión de Méndez Ferrín, presidente da RAG.

A Real Academia Galega está nunha grave situación de crise, despois da dimisión do seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín. Esta decisión que tomou por sorpresa a todos parece ser a consecuencia da publicación no xornal ABC dunhas acusacións de nepotismo contra o presidente da RAG. Segundo este medio, a Academia contratou a parentes directos do presidente. Mais, segundo as declaracións de Xosé Luís Axeitos, secretario da Academia, ao xornal La Voz de Galicia, a filla do presidente, que xa non traballa dende o 1 de xaneiro, foi contratada por encaixar no perfil buscado. E o seu xenro, así como o fillo do mesmo secretario a quen tamén se lle acusa de enchufismo, foron contratados antes de que Axeitos e Ferrín se vinculasen a Academia. Polo que analizando seriamente a situación pode deducirse que estas acusacións resultan ser unha estratexia para presionar a marcha de Ferrín. Esta presión está amparada por sectores da Consellería de Educación con presencia na propia RAG, no Consello de Cultura e no Instituto da Lingua Galega que buscan castigar a Academia polas actuacións en defensa da lingua galega: recurso contra o decreto de Plurilingüismo, revitalización do Día das Letras Galegas, normalización do uso das TICs no traballo da Academia… Axeitos na citada entrevista dixo “Queren que retiremos o recurso do galego, pero a Academia non está en venda” referíndose ao Consello da Cultura Galega e ao ILGa que “a ocupan e a colonializan”.

Con referencia ao nepotismo do que é acusado o presidente Ferrín, está claro que deberían regularse mellor os procedementos de xestión e contratación, mais, segundo un artigo publicado en Galicia Confidencial polo colaborador e filólogo Manuel Rodríguez Alonso, seica en institucións como a ILGa, o Consello e o Centro Ramón Piñeiro hai tamén moitas relacións de parentesco entre os seus integrantes non denunciadas. Polo que se reitera unha vez máis a idea de que a saída á luz destas acusacións é unha acción deliberada e cun fin concreto, presionar a marcha de Ferrín da Academia ao non retirar o recurso contra o decreto de Plurilingüismo.

E por último, quero destacar que o medio difusor destas premeditadas acusacións foi o xornal ABC, voceiro por excelencia da ultra dereita española, tendo como intención danar unha institución que destacou últimamente polo súas actuacións a favor da lingua galega e á súa vez atacar a Méndez Ferrín, un dos referentes da literatura galega actual e con compromiso co nacionalismo independentista galego.

A dimisión de Ferrín provocou un gran movemento de apoio en sectores da sociedade galega vinculada á cultura e moi especialmente os escritores e escritoras en lingua galega, que lle pediron ao presidente a reconsideración desta decisión. Entre elas cabe destacar a Xosé Ramón Barreiro, anterior presidente da Academia e a escritores como Darío Xohán Cabana, Xosé Neira Vilas e Francisco Fernández Rei.

Mais Ferrín non lles fixo caso e acabou dimitindo onte.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.