Imaxe de cabeceira
O curruncho de artistas / Os nosos autores
Cravos para Rosalía en Rianxo

[Este artigo escribiuse o pasado domingo, mais problemas técnicos da revista impedíronnos poder publicalo ata hoxe]

O pasado día 23 de febreiro, celebrouse na vila de Rianxo unha homenaxe a unha das máis destacadas escritoras (por non dicir a máis) da nosa literatura.

A homenaxe coincidiu co seu aniversario de nacemento (Rosalía naceu o 24 de febreiro) e levouse a cabo neste ano, no que se cumpren 150 da publicación de Cantares gallegos.

O acto reuniu a figuras públicas do concello (o alcalde, algúns concelleiros), persoas do mundo da cultura (a poetisa Luz Fandiño participou moi activamente na conmemoración) e tamén persoas anónimas que desexaban renderlle a súa particular homenaxe.

Comezouse cunha lectura de poemas da autora, onde o micrófono estivo aberto para todos aqueles que quixeran recitar. A continuación, cantáronse poemas musicados de Rosalía (coma Negra sombra) acompañados e dirixidas pola guitarra de Xosé Luis Dopicio. Despois levouse a cabo unha ofrenda floral diante da estatua da escritora. E por último cada un dos participantes depositou un cravo vermello sobre o busto de Rosalía de Castro.

 

Este acto sumouse así, a todos os que se están a celebrar na Galiza nestas datas. 176 anos despois do seu nacemento, estase a demostrar que Rosalía aínda non morreu.




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.