Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Un patio moi particular

O xoves 22 de Novembro, a sentenza do TSXG desacreditou considerablemente á  Consellaría de Educación de Galiza e ao seu Decreto do Plurilinguismo. Dita sentenza tacha de -parafraseando a Marta Dacosta-  ilóxico, baleiro, incoherente e ilegal ao ilóxico, baleiro, incoherente e ilegal decreto. Quero dicir. Quitando os argumentos legais que aportou a sentenza, xa estaba demostrado de sobra que o decreto era un claro atentado contra a lingua propia de Galiza -aclároo- o galego. A que me refiro con isto? Será o xogo do zapatiño inglés? Cando o que apanda mira, os outros non se moven, e cando este se vira, seguen avanzando?… En que vai quedar todo isto? Daranlle ao TSXG a razón como aos tolos? -como xa se lle deu o poder aos tolos…-. Desfalcos, blanqueo de contas, paraísos fiscais. Delitos políticos con máis probas en contra  se pasaron por alto, non?

 As leis son un xogo de nenos; como no parchís, en cada casa xógase distinto.  Pois a Consellaría, ao pé da letra:  na miña casa xogo como quero. Que máis dá ignorar a Constitución? Porque a ignora. Porque ignora o galego. Porque nos ignora. E a proba disto apórtanola a sentenza do TSXG, que acusa ao artigo 12.3 do "Decretazo" de contradicir a Lei de Normalización Lingüística que esixe o fomento do uso progresivo do galego e ao 5.2. de irresponsabilidade, da Administración, nos seus cometidos, xa que este punto estipulaba que o idioma do centro de Educación Infantil sería elixido segundo o resultado dunha enquisa aos pais dos alumnos. Incidido de novo no 12.3., o cal establece que en todas as materias, excepto nas linguas, o alumnado poderá utilizar nas manifestacións oral e escrita a lingua oficial da súa preferencia. Darlle esa liberdade ao alumno é quitarlla ao galego.

 Os pequenos mequetrefes sen raíces de Celso Emilio medraron, e están afogando a fala nai.

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.