Imaxe de cabeceira
Nós, normalizando
Shin Chan: «Falo galego porque gusta, porque quero, porque me petaaaa…»

Pertenzo a Xeración Xabarín. Medrei ao son das riasadas rosmonas do porco bravo. Afoguei coas migallas do bocadillo que se me atragoaban ao cantar coa boca chea os himnos do Clube – tería levado a man ao peito de non as ter ocupadas coa soborosa menda-. E por suposto imitei – sigo imitando e imitarei- ao protagonista deste vídeo, Shinnosuke Nohara, mestre das argalladas por excelencia. Mais o pequeno sensei ensinounos ante todo a divertirnos en galego.

Quizáis se pregunte o lector por que falo sempre en pasado. Pois ben, fágoo porque poño a esperanza no futuro. Nestes tempos os afiliados ao Clube escasean, os «xabacarnés» caducan por maioría de idade, as novas rapazadas descoñecen o apartado de correos 874… Entón, onde desfrutan os cativos do «cuíño, cuíño» de Sin Chan? En ningures. Poucos son os rapaces que ven o Xabarín. Poucos e cada vez menos… A pérdida de peso do galego nas escolas supón na «desaceleración» -lembrades o significado desta palabra na boca do anterior presidente?…- da normalización lingúística unha porcentaxe irrisoria en comparación coa preta desaparición dos debuxos no noso idioma… Como é isto? Teño dous primos pequenos, de oito e catro anos. Vítimas das recentes políticas lingüísticas, mais galegofalantes dende o berce. Admiro a súa destreza do idioma da nazón; os castelanismos neles vense practicamente extintos. Sen aparente problema na utilización das dúas linguas oficiais presentan a peor diglosía xamáis coñecida… A da mente!!! A lingua propia de Galiza vese desprazada no propio maxín!!! O proceso é sinxelo: ven os debuxos animados en castelán e cando ao xogar recrean ditos debuxos fano no idioma no que os coñeceron. Imaxinan en castelán! A creatividade é característica implícita do ser humano, prima sobre a razón e sobre todas cousas. A nosa esencia…

Alguén dixo algunha vez que «os soños son o espello da alma». Penso en cal será a lingua dos seus soños, unha pregunta da que temo coñecer a resposta…

IRENE BLANCO (1ºBACH)



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.