Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Katharine Hepburn: dez anos do falecemento da actriz

Apenas 17 días despois da morte do mencionado Gregory Peck, falecía Katharine Hepburn. Era o 29 de xuño de 2003, e o mundo dIcía adeus a unha das máis grandes actrices que Hollywood coñecera. Considerada a actriz feminina máis importante dos primeiros 100 anos de cinema polo American Film Institute e a única en obter 4 premios Óscar.

Katharine Hepburn naceu no 1907 nunha familia cunha posición acomodada e liberal. Un dos peores momentos da vida da actriz foi a tráxica morte do seu irmáN Tom, que se suicidou cando ela era moi nova.

Hepburn, estudaría interpretación en Filadelfia e despois de graduarse no 1928, comezou a traballar no teatro. Nesta época casou co seu primeiro marido do que se divorciaría no 1933.  As súas actuacións sobre as táboas fixeron que o mundo do cinema chamara ás súas portas, e que a pesar das súas reticencias a deixar Nova Yorke, aceptase trasladarse a Hollywood. O seu primeiro papel foi no filme Doble sacrificio. No 1933 conseguiu o seu primeiro Óscar por Gloria dun día A pesar deste éxito e doutras coñecidas producións que protagonizaría con outros grandes do cinema coma Cary Grant, Katharine Hepburn non tiña o favor do público (naquela época era coñecida coma “Veleno para a taquilla”).

Pero o enorme éxito que obtivo con Historias de Filadelfia fixo que por fin o público a aclamara, ademais de proporcionarlle  unha nominación ao Óscar

Nos anos cincuenta protagonizou filmes coma A raiña de África ou De repente o último verán. Por ambas obtivo nominacións ao Óscar.

No 1967 conseguiu o premio Óscar por Adivina quen ven a cear esta noite. Ao ano seguinte volveuse facer co premio esta vez por O león en inverno. A súa última estatuíña chegoulle no 1981 grazas a O estanque dourado na que tamén interviña Henry Fonda.

Pero o actor co que compartiría reparto en máis ocasións sería Spencer Tracy, quen tamén sería a súa parella na realidade (a pesar de estar casado), durante  máis de 25 anos, ata a morte del.

Durante grande parte da súa vida combinou o cinema co teatro onde encarnou entre outras a Coco Chanel.

No 1994 deixaría a súa actividade profesional. Pero no recordo sempre quedarán as súas interpretacións. A súa versatilidade  ía dende a desternillante comedia (A costela de Adán) ou dramas (As troianas).

Tras innumerables premios, quedan as palabras que  o director Frank Capra lle adicou: “Hai mulleres e ademais está Kate. Hai actrices e ademais está Hepburn”. Está todo dito.

                                                        Imaxe: wikipedia.org




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.