Imaxe de cabeceira
Sabías que...
Semana Internacional da Ciencia e a Paz

Dende hoxe día seis de novembro ata o domigo 11, o mundo enteiro, instado polas Nacións Unidas, celebra unhas xornadas que defenden unha maior impliciación da ciencia na paz e no desenvolvemento.

Esta Semana Internacional vense desenvolvendo dende o ano 1988 e ten como obxectivo promover e afianzar  os vínculos entre a ciencia, a tecnoloxía, e a paz.

 

Procúrase así, recordar á cidadanía a enorme contribución que realiza a comunidade científica na mellora da nosa calidade de vida, mediante a cura de enfermidades mortais, o descubrimento de enerxías renovables, etc.

Con motivo desta semana, lévanse a cabo en todos os países do mundo unha serie de xornadas e actividades de divulgación, que tratan de achegar a ciencia á sociedade.

En España, por exemplo, o Centro de Ciencias Humanas e Sociais levará a cabo varias xornadas de portas abertas, e outras institucións coma o Consello Superior de Investigacións científicas teñen previstas máis de 230 actividades. En Galicia, desenvolveranse algunhas delas coma por exemplo Biodiversión’12 enfocada aos estudantes de Primaria que poderán visitar o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas e participar en diferentes talleres e actividades sobre o ADN ou o cambio climático. Outra destas propostas será A linguaxe dos bosques na Misión Biolóxica de Galicia, que trata dos métodos que teñen as árbores de se defender dos seus inimigos.

Cabe destacar que nesta Semana para a Ciencia e a Paz, se conmemorará tamén o día da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento que será o 10 de novembro.

Este marco é sen dúbida unha boa escusa para adicar parte do noso tempo a reflexionar sobre os obxectivos da ciencia e da investigación e a enorme transformación da sociedade que supuxeron os avances nestes campos. A casa das Ciencias da Coruña, ofrece nestes momentos unha exposición interactiva titulada O asombro de Míster Darwin que nos guía polas evidencias que levaron ao científico a desenvolver a súa famosa teoría.

Este é, sen dúbida, o obxectivo desta semana, a implicación da cidadanía na ciencia pola paz. Sen esquecernos desa parte escura, que todos sabemos que  ten, e que todos debemos colaborar, con iniciativas coma esta, para que desapareza.

Como dixo a  Premio Nobel da Paz Jody Williams, debemos procurar unha “paz sostible”. E todos debemos poñernos en camiño para conseguila.

 

Imaxe: Centro de Información das Nacións Unidas

 

 




Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.