Imaxe de cabeceira
Fomento da lectura
Carta de Rosa Aneiros

 Querida Lucía, queridas lectoras,

En primeiro lugar gustaríame agradecervos que vos puxerades en contacto comigo. Lucía é quen asina pero vexo que fala en plural así que o agradecemento é para todas por facerme un oco no voso tempo. Falades na vosa carta do final de Resistencia, das vosas dúbidas e de
que vos gustaría que fose bonito e con altas doses de paixón. Eu devólvovos a pregunta. Cal e como pensades vós que é o final? Neste caso non me refiro a vós como colectivo senón a todas e cada unha de vós. Porque o final non é meu nin a miña decisión, tampouco a miña
propiedade exclusiva. O final pertence a quen le. Quen escribe achega unha historia que quere ser compartida pero os rostros, as paisaxes, as maneiras de falar, en definitiva, a Literatura con maiúsculas constrúese man a man con quen mergulla nese mundo literario. Por iso cada unha
de vós debe escoitarse a si mesma porque, no fondo, todas tedes o voso final ben amarradiño na cabeza. Todas sabedes como acaba, non necesitades que volo diga eu. Que máis ten que coincida co das demais ou co da propia autora! Se eu non o escribín abertamente foi porque
quixen outorgar esa liberdade a quen le e, por iso, o final é voso. Perténcevos como lectoras.

Con respecto a unha segunda parte de Resistencia, quen o soubese! Talvez un día Dinís e Filipa volvan petar á porta da miña imaxinación e precise contar o resto da súa historia. Polo momento, fico enguedellada con Leo, quen logrou cavar un oco grande no meu mundo
literario dende hai un tempo e decidiu contarme as súas viaxes, a súa fantástica historia. Agardo compartila convosco algún día. Só vos anuncio que ten algo de amor, moito de aventura, ducias de viaxes e un chisco de misterio tamén…

Espérovos neses novos libros e graciñas outra vez polas vosas palabras!

Rosa Aneiros

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2012


Resposta a Lucía Ordóñez e compañeiras da clase



Só poden engadir comentarios os usuarios autorizados.
Se queres participar sigue as intruccións da seguinte ligazón... [Abonarse]

*
Nesta WEB utilizamos as imaxes con finalidade educativa. Se algunha delas estivera suxeita a dereitos de autor,
rogamos que vos poñades en contacto connosco para retirala de inmediato.